Este xoves, 30 de marzo, os alumnos e as alumnas bercianos que estudan galego en 6º de Primaria no CEIP San Lorenzo de Brindis e en Secundaria nos IES Padre Martín Sarmiento de Vilafranca, Europa de Ponferrada, e Bergidum Flavium de Cacabelos eran recibidos á súa chegada á cidade de Pontevedra pola delegada da Consellaría de Cultura de Pontevedra, Marta Souto, a concelleira de cultura do Concello de Pontevedra, María Xesús López, así como polos directores do IES Torrente Ballester e do CEIP A Xunqueira II, ós que se unía Héctor Silveiro, da Comisión Cultural Martín Sarmiento.
Despois de xantar, no IES A Xunqueira I, cos rapaces e rapazas que estiveran no Bierzo os pasados 13 e 14 de marzo, daban comezo ás actividades programadas cunha visita ó Centro de Interpretación da Natureza A Siradella, seguida dunha saída guiada ó areal da Lanzada e á enseada do Grove, onde os rapaces podían contemplar as características paisaxísticas do lugar, así como a súa variada avifauna, que converten este espazo natural nun dos mellores enclaves peninsulares para o seu estudo, como demostra a existencia de seis observatorios ornitolóxicos na zona.
Acabada a saída, dirixíanse ó albergue de peregrinos de Pontevedra, onde antes de cear, podían participar nun obradoiro de música e baile tradicional a cargo do grupo Mala Herba. Despois de cear gozaban cos contos de Pavís Pavós.
O venres 31 integrábanse nas diversas actividades que lles prepararan nos centros pontevedreses participantes no intercambio, os de Primaria no CEIP A Xunqueira II e os de Secundaria no IES Gonzalo Torrente Ballester.
Ás 13:00 horas eran recibidos polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na casa consistorial, onde eran agasallados con cadanseu libro, así como algún outro exemplar para as bibliotecas dos seus respectivos centros e para o concello de Vilafranca.
Pola tarde, antes de volver ó Bierzo, os alumnos e alumnas aínda tiñan a oportunidade de descubrir a zona antiga da cidade, grazas a unha visita guiada organizada polo Concello, que lles permitía coñecer parte da historia da cidade e dos seus personaxes máis ilustres. Neste percorrido incluíanse lugares tan significativos como as ruínas do convento de Santo Domingo ou a ruta Martín Sarmiento, xa que este frade do século XVIII forma parte do patrimonio común do Bierzo e Pontevedra. Acababan a visita no museo de Pontevedra, onde descubrían as coleccións de arqueoloxía ou as réplicas de diversas embarcacións, aínda que o que máis os impresionaba era a reprodución da cámara da fragata Numancia.
Despois desta interesante experiencia, os mozos e as mozas galegos e bercianos, que decidiron seguir en contacto vía epistolar ou telefónica, manifestaban o seu desexo de que o próximo curso poida volver a repetirse, para o cal é imprescindible seguir contando co apoio e a colaboración mostrada por entidades bercianas como a Comisión Cultural Sarmiento e o Concello de Vilafranca e por entidades galegas como o Concello de Pontevedra e a Delegación da Consellería de Cultura de Pontevedra.