O consello da Xunta acordou este xoves a declaración de utilidade pública para o demorado enlace do parque empresarial do Barco coa N-120. Este trámite vai permitir proceder ás expropiacións que se precisen para levar a cabo a obra que, segundo anunciou a conselleira de Política Territorial o pasado martes no Barco, sairá a concurso antes de que remate o ano. A conexión directa da Raña coa estrada é unha vella reivindicación que faría máis atractivo o parque empresarial e evitaría parte do tránsito de camións que arestora soportan as rúas da vila.