Ao presunto "recente vandalismo" do que foi obxeto o espazo que a versión en español da Wikipedia lle adica a Galiza débese que a entrada estea actualmente bloqueada mentres se discuten os cambios no artigo en lugar aparte. As páxinas adicadas á "Historia de Galiza" e o "Reino de Galiza" tamén foron lugar de polémica nun rexistro onde lemos: "Galicia, en galego Galicia ou, tamén, non oficialmente, Galiza". O debate vén de chegar aos foros de Vieiros.
As polémicas na Wikipedia son habituais e diante dos enfrontamentos entre usuarios ao fío dalgúns rexistros concretos, o modelo de procedemento establecido no momento en que se perde o consenso é bloquearlle aos usuarios a posibilidade de modificar os artigos. A partir de aí, establécese unha páxina independente para a discusión onde pode debaterse sobre os cambios. "A protección non implica necesariamente o apoio da edición actual", subliña a Wikipedia.
Sabemos da polémica a través dos foros de Vieiros, onde trouxeron o asunto a debate estes días. Sobre o tema di Repolo: "Calquera pode editar eses textos por iso a wikipedia esta en decadencia, non existe un control que che asegure que o que les e certo. Un día destes animome e poño a Fisterra como o centro do universo".
Poden botarlle un ollo aos diversos conflitos na páxina de discusión da Wikipedia: Galicia-Galiza, toponimia oficial, nación-nacionalidade histórica...
Na Galipedia, versión en galego da Enciclopedia Libre, semella non haber problemas ao respecto do que é Galiza, polo momento. Aproveitamos para lembrarlles a recente campaña que lle pide aos internautas galegos que redacten ou traduzan cando menos un artigo ao día para a Galipedia para axudar a que o proxecto medre.