Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O MINISTRO SEVILLA RECOMENDA ADIAR O PROCESO

Xunta e goberno español rifan polos prazos para as transferencias competenciais

De visita na Coruña onde o pasado venres asistiu á toma de posesión do novo alcalde da Coruña, o ministro de Administracións Públicas, Jordi Sevilla, referiuse ao recentemente aberto proceso de reforma estatutaria en Galiza coma escusa posíbel para adiar o debate competencial con Galiza. Desde a Vicepresidencia da Xunta, encargada de xestionar co goberno español o proceso de traspaso de novas competencias, pídenlle ao executivo estatal "un trato xusto e non discriminatorio para Galiza" e pídenlle "talante negociador".

- 06:50 27/03/2006
Tags:

Desde o executivo galego lémbralle ao ministro que o goberno español transferiulle no que vai de lexislatura un total de 49 competencias a diferentes comunidades autónomas, "ningunha delas a Galiza". De xeito concreto, Administracións Públicas acordou entre outros "nove traspasos competenciais a Cataluña, tres a Valencia, 19 a Andalucía e seis a Asturias". Desde a Xunta apuntan especialmente o caso de Cataluña, que en pleno proceso de reforma estatutaria recibiu transferencias tales coma "a liña ferroviaria entre Lleida e La Pobla de Segur, e diversas ampliacións de medios en materia de Administración de Xustiza".

Así, desde Vicepresidencia advertían esta fin de semana que "é de esperar que Galiza teña o mesmo trato que outras comunidades e que o ministro non propicie malinterpretacións ou mesmo asuma como propias o que están sendo as posturas mais duras do PP de Madrid". De xeito específico lémbranlle ao executivo español que ao respecto da transferencia dos novos fondos sanitarios e do Instituto Social da Mariña o goberno galego agarda que o único problema "sexa de axenda", dando por suposto que "Madrid acepta a oferta da Xunta de que o traspaso do Instituto se peche como pide Galiza en 10 millóns de euros". Ao respecto insisten que esas negociacións se "bloquearan pola postura inflexíbel e a falta de talante negociador do goberno central e foi un xesto da Vicepresidencia o que as desbloqueou" e gaban "o cambio de actitude de Madrid".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: