Entre o 27 e o 30 de marzo, o sector do libro galego regresa á feira internacional de literatura infantil e xuvenil de Boloña. Desta vez, o stand conxunto da Asociación Galega de Editores, co apoio económico de Cultura, exhibirá 382 títulos seleccionados por dezasete editoriais galegas. Ademais, dous libros galegos, Paxaros na cabeza (Kalandraka), de Joel Franz Rosell e Marta Torrao, e Quen me quere adoptar (Xerais), de Fina Casalderrey, formarán parte da selección de 250 libros infantís e xuvenís seleccionados para esta mostra, na que figuran obras en 32 idiomas procedentes de 47 países, tras ser distinguidos co White Ravens 2006, o premio que outorga cada ano a Biblioteca Internacional da Xuventude de Múnich. Unha das novidades promocionais de Cultura será o catálogo Children´s books from Galicia, que recolle o labor realizado no noso país. Tamén se distribuirá o DVD coa exposición Plantando libros.
Á parte dos representantes da AGE e de Cultura, co director xeral de Creación e Difusión Cultural, Lois Bará, a delegación galega inclúe á Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, a do Libro Infantil e Xuvenil e do VII Salón do Libro de Pontevedra. O obxectivo que se marca é favorecer os contactos entre profesionais do sector para fortalecer a presencia galega no exterior e a accesibilidade en Galicia das obras internacionais de creación recente.
As editoriais galegas que estarán representadas na feira son dezasete: A Nosa Terra, Baía Edicións, Ediciós do Castro, Edicións do Cumio, Everest Galicia, Galaxia, Ir Indo, Kalandraka, Nova Galicia, OQO, Obradoiro, Tambre, Xerais, Rodeira, Sotelo Blanco e Toxosoutos. Fisicamente, en Boloña haberá quince persoas de sete selos galegos -A Nosa Terra, Edicións do Cumio, Galaxia, Hércules de Ediciones, Kalandraka, Nova Galicia e OQO- que ultiman nestes días as axendas para unha feira, abundan os editores, "na que a compravenda de dereitos e o intercambio de experiencias son os obxectivos principais".
O catálogo Children´s books from Galicia, editado por Cultura en colaboración con Gálix inclúe 84 títulos representativos da literatura infantil e xuvenil galega, con informacións acerca dos ilustradores e escritores do país.