Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barbanza

Edición xestionada por Adolfo Muíños
RSS de Barbanza
CHARLA DE ENCARNA OTERO AOS VECIÑOS

Rianxo inicia o proceso para dotarse dunha Área de Rehabilitación

Nunha xuntanza cos veciños organizada polo BNG de Rianxo, a Directora de Fomento e Calidade da Vivenda, a nacionalista Encarna Otero, fixo na pasada fin de semana unha emotiva defensa das políticas de rehabilitación de vivendas como elemento dinamizador da economía e do entramado social nos cascos antigos do noso país. Defendeu a restauración fronte aos derrubos e novas construccións que botan fora aos habitantes de sempre. Animou tamén aos presentes a involucrarse no proxecto de creación dunha Area de Rehabilitación Integral (ARI) para Rianxo, proceso encetado polo BNG rianxeiro que tras a aprobación plenaria terá que concretarse en datas vindeiras.

- 10:55 21/03/2006
Tags:

O Concello que preside Pedro Piñeiro (PSOE) terá agora que asumir o acordo plenario logo de coincidiren no seu voto todos os membros da corporación. Iniciarase agora a súa tramitación perante a Xunta de Galiza para crear un ARI para o casco antigo rianxeiro. Isto pasará pola redacción dunha memoria que conterá os límites desa área así coma o número e o contido das actuacións a executar en diferentes prazos. Lembrar que esta ARI permitirá, de ser refrendada pola Consellaría de Vivenda que dirixe Teresa Táboas, acceder a axudas ministeriais e do propio IGVS para realizar obras de rehabilitación de vivendas, de edificios completos (incluídos os comercios dos baixos) e mesmo obras de reurbanización e urbanización nas rúas e prazas. Un dos alicerces da ARI será a apertura en Rianxo dunha oficina de rehabilitación que achegará aos veciños e veciñas toda a información e posibilidades de subvención ás que acollerse.

Todo isto contribuirá decisivamente a mellorar a calidade de vida no casco antigo de Rianxo. O BNG manifestou tamén a súa satisfacción polo acordo corporativo malia ter que plegarse ao desexo do alcalde de erixirse en autor material deste acordo e atribuírse unhas supostas xestións perante a Consellaría. Para o BNG é tan importante o logro para Rianxo que non dubidou en acceder a incluír unhas liñas no texto da moción presentada permitindo ao Alcalde unha complacente autoloubanza.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: