As Xornadas Indepentistas Galegas, o sábado 18 no Hotel Compostela, en Santiago, coincidentes co décimo aniversario de Primeira Linha, escolleron este ano o retrouso Desafíos e necesidades da esquerda do século XXI para fomentar o debate acerca das consecuencias "da crise sistémica que arrastra o capitalismo". "Cómpre actualizar -din os organizadores- o programa e as perspectivas que guiaron sempre a loita por unha nova sociedade, reafirmando os obxectivos polos que combatemos os comunistas, e que son a nosa razón de ser". Entre os ponentes, Xosé Manuel Beiras, Carlos Taibo e Joseba Álvarez.
Abrirán as Xornadas, o sábado ás 11 da mañá, José A. Brandariz, profesor da Universidade da Coruña e membro do CS A Treu; Igor Lugrís, membro da dirección nacional de Nós-Up; Luísa Ocampo, de Mulleres Nacionalistas Galegas (MNG), e o historiador Carlos Taibo.
Na xornada da tarde, a partir das 17 horas, falarán o dirixente da esquerda abertzale Joseba Álvarez, Xosé Manuel Beiras, Francisco Martins -director da revista portuguesa Política Operária- e Carlos Morais, secretario xeral de Primeira Linha.