Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
LINGUA E TECNOLOXÍA

A Mesa esíxelle a Política Lingüística que dea pasos significativos en telefonía móbil

A Mesa pola Normalización Lingüística criticou a presentación que fixo a Secretaría Xeral de Política Lingüística da aplicación T9 para dous móbiles de Telefónica. Estas aplicacións levan xa seis meses no mercado e A Mesa esíxelle ao departamento que dirixe Marisol López que negocie cos todos os operadores para que dean a opción de galego en todos os seus servizos e realicen a súa publicidade en galego.

- 09:03 13/03/2006
Tags:

O venres, a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentaba uns terminais de Grundig para Movistar que teñen a opción de menú e o T9 en galego. Estes móbiles levan seis meses no mercado, se ben a operadora ten previsto ampliar esas opcións a un terceiro modelo nas vindeiras semanas, do que aínda non coñece a súa denominación.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, amosouse "sorprendido" por esta presentación e criticou que "a Secretaria Xeral de Política Lingüística sexa incapaz de ir máis alá do conseguido por un grupo de adolescentes", en relación á campaña de reivindicación do galego nos teléfonos móbiles promovida por un instituto de Brión. A Secretaría Xeral prometeu durante a presentación que falarían con outros operadores e fabricantes para a extensión de menús e de sistemas de T9 en galego, pero non sinalou ningunha data concreta ao respecto. A Mesa sinalou ademais que os terminais Alcatel "xa ofrecían anteriormente a opción de menús en galego" e que, porén, "a Xunta non traballou con eles para que puidesen dispor tamén do T9".

A Mesa reclamoulle ademais á Secretaría Xeral que empregue o volume de facturación da Xunta coas operadoras de móbiles para facer panca e conseguir avances significativos na galeguización dos seus produtos. Na actualidade a operadora da administración autonómica é Movistar e "porén, esta compañía non lles ofrece aos seus clientes con contrato un servizo de atención en galego nin realiza a súa publicidade en galego en Galiza". De feito, o acto de presentación do venres serviu tamén para dar a coñecer a primeira dunhas iniciativas publicitarias da compañía, que contou coa colaboración do departamento que dirixe Marisol López para editar un catálogo de 100 páxinas sobre servizos que Movistar ofrece de integración social.


5/5 (1 votos)