O alcalde da Coruña despediuse hoxe da súa cidade poñéndolle un ramo de flores a María Pita mentres a banda municipal entonaba, a petición súa, o "La, la, la" de Massiel "en homenaxe a La Coruña" e a 23 anos de belixerancia contra os que defenderon o uso do topónimo oficial A Coruña. Paco Vázquez, que mesmo fixo aceno de dirixir a orquestra, tamén escolleu como banda sonora para o seu adeus o pasodobre "Suspiros de España". Foi a penúltima escenificación dunha despedida que remata ás 9 desta noite, coa celebración dun concello aberto á cidade, ao que están convidadas as forzas vivas coruñesas. Agás os antivazquistas, que tamén acudirán pola súa conta á praza de María Pita para celebrar a marcha o seu alcalde. Unha convocatoria espontánea por SMS está a chamar os cidadáns da Coruña cun "únete á festa de María Pita". A quedada comeza a partir das sete para ir creando ambiente para cando cheguen os covitados do vindeiro embaixador no Vaticano.