O certame de artigos xornalísticos normalizadores, que en 2005 creou o Concello de Carballo, chega neste ano á súa segunda edición. O premio, que outorga un primeiro galardón de 900 euros, realízase en colaboración con distintos medios, entre eles Vieiros.
O premio a artigos xornalísticos normalizadores convócao o servizo de Normalización lingüística do Concello de Carballo co obxectivo de promover a reflexión sobre a situación do galego, crear espazos nos xornais para esa reflexión e, loxicamente, promover o uso do galego na prensa. O certame recompensa a redacción dun artigo de opinión onde se trate calquera tema relacionado coa defensa e promoción do galego, co seu estatus, coa normalización lingüística en xeral ou nalgún sector ou ámbito determinado, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, etc. Os artigos presentados deberán ter entre 3.500 e 4.500 caracteres e deben enviarse antes do 21 de abril.
Co certame colaboran diversos medios de prensa en papel e electrónica, que publicarán os artigos gañadores: ademais de Vieiros, que participa por vez primeira, levarán o certame ás súas páxinas A Nosa Terra, A Peneira, Tempos Novos e Galicia-Hoxe, membros da AME, así coma o Diario de Bergantiños, La Opinión de A Coruña e La Voz de Galicia.
Na primeira convocatoria participaron 28 persoas. A gañadora daquela foi Olga Patiño, co artigo titulado "Avó, avó, vin o arco da vella!". Este ano o Concello de Carballo dobrou os premios para os vencedores, que acadan os 900 euros ao primeiro e os 300 ao segundo.