O goberno español afirma que os carrís de adiantamento da N-120 nas provincias de Ourense e Lugo remataranse entre o 10 e o 18 deste mes. A data de fin de obra proporcionouse na resposta a unha pregunta feita polo deputado popular por Ourense, Celso Delgado. O terceiro carril tiña previsto o seu remate en xaneiro do 2005 polo que neste momento leva un retraso de 14 meses.
O deputado popular ten como tema de especial preocupación persoal as obras do terceiro carril, polo que unha vez máis preguntou pola data da súa finalización e desta vez obtivo uns prazos concretos. Na resposta que lle deron, con data 16 de febreiro, dise que os tramos da provincia de Ourense remataranse o 18 de marzo e os tramos da provincia de Lugo o 10. O deputado cre que non vai ser posible que se cumpran eses prazos porque a falta dunha semana aínda se están facendo obras de ensanche e recheo en varios puntos entre eles no concello de Vilamartín. Ademais lembra que o proxecto ten que rematarse co asfaltado completo de toda a estrada.
Porén, para o alcalde de O Barco, Alfredo García, as obras están avanzando a bo ritmo e cre posible que se rematen nas datas feitas públicas. O rexedor pensa que o deputado popular non pode reclamar nada, xa que foi o seu partido o que comezou a obra e xa levaba retraso durante o seu goberno. Ademais lembra que o proxecto inicial non tiña previsto asfaltar toda a estrada "polo que houbo que refacer o proxecto e repartir os gastos en tres anualidades". O ano pasado asfaltáronse algúns tramos e neste ano "a partires de marzo farase o resto", explicou o rexedor barquense.