Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
DENTRO E FÓRA DA REDE

Quedamos contigo: dez meses de celebración

Chegar a 10 anos non é pouco dicir para calquera publicación e aínda menos electrónica. Por iso, non nos parecen poucos dez meses para celebralo. O 'Ano Vieiros' comeza este 24 de febreiro e durará até o 24 de decembro. Polo medio, unha chea de actividades na rede e fóra dela.

- 00:13 24/02/2006
Tags:

Queremos seguir na túa casa pero tamén quedar contigo fóra. Velaquí as citas que estamos argallando.

Novidades en Vieiros
Para empezar, si, renovaremos a casa. Estamos facendo obras para facer Vieiros máis usábel, máis moderno e adaptado ás novas tendencias da rede. Iso implica máis e mellores contidos, non só na edición diaria senón cun esforzo especial na fin de semana, coa elaboración dunha revista de cultura e lecer. Tamén temos previto ampliar os servizos para os nosos lectores: entre eles a posibilidade dun correo electrónico de pago ou soporte e hospedaxe para blogs.

Contidos especiais
Entre os agasallos para os nosos lectores non poden faltar os contidos especiais, aos que sempre dedicou un grande esforzo Vieiros. Este ano queremos fomentar especialmente a creación, literaria e gráfica, á net-art, á videocreación e ás distintas perspectivas da cultura dixital. Coma sempre estaremos co deseño e cos mellores deseñadores do país, que nos agasallarán as súas imaxes para comemorarmos este aniversario en forma de postais, fondos de pantalla, etc. E tamén vos achegaremos os último traballos dos nosos humoristas gráficos e caricaturistas. Celebraremos o ano Lugrís coa edición facsímil en liña das máis antigas publicacións en galego, como A gaita gallega.

Eventos especiais
Aquelada a casa, queremos saír fóra e verlles as caras aos nosos lectores, falar con eles, compartir impresións e debatir sobre o país, a rede, a cultura, o xornalismo, a lingua, e sociedade. Estamos traballando na preparación de congresos sobre linguas minorizadas e xornalismo electrónico, e tamén unha xornada sobre redes sociais e participación cidadá en internet na que queremos xuntar a blogueiros e xente enredada de todo o país. Ademais faremos exposicións, físicas e virtuais, sobre Galiza e a internet, mirando o pasado pero tamén o futuro...

E festa rachada, claro
Non hai aniversario sen festa e se algo temos claro é que queremos festexalo con vós pero non só virtualmente. Para iso andamos armando unha importante cos amigos de Nordesía -que tamén cumpre 10 anos- de cara ao verán. Dez horas de música e outras lerias nas que xuntármonos, vernos as caras e botar uns contos e tamén uns bailes. Aínda nos queda a fin de festa, que será en decembro en Santiago.


0/5 (0 votos)