Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O ACORDO DE GOBERNO DO BIPARTITO INCLÚE A REVISIÓN E COORDINACIÓN DA ACTUACIÓN DESTAS INSTITUCIÓNS

Touriño confirma que se reformarán as deputacións para frear "clientelismo, dependencia e asfixia"

"Non sei se vostede pode sentirse satisfeito da evolución de provincias como Ourense ou como Lugo, co modelo, co funcionamento e coa práctica establecida polas súas deputacións provinciais", reprochoulle o presidente da Xunta este mércores ao voceiro do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, que viña de preguntarlle pola postura oficial do goberno "sobre a eventual supresión das deputacións". "Son dezaseis anos de goberno do PP, de asfixia financeira da maioría dos concellos de Galiza de dependencia clientelar da inmensa maioría dos concellos", afirmou Emilio Pérez Touriño.

- 16:00 22/02/2006
Tags:

O presidente da Xunta explicou no Parlamento que "é o momento de cambiar o modelo do PP no que os concellos están ao servizo dos entes provinciais para poñer a estes ao servizo dos municipios". Na súa intervención foi moi crítico coa xestión das deputacións galegas gobernadas polo PPdeG, indicando que o bipartito quere "cambiar a política voluntarista de subvención e dependencia por unha política moderna de concertación e de cooperación, que reforce a autonomía dos municipios e que lles dea capacidade a estes para atender a demanda da cidadanía".

Fronte á interpelación do líder do PPdeG, Emilio Pérez Touriño lembroulle ao grupo parlamentario popular a negativa dos presidentes das deputacións de Lugo, Ourense e Pontevedra, todos eles do PPdeG, a acudiren ao Parlamento para dar conta da actividade das institucións e abrir paso para unhas "mínimas relacións de coordinación coa Cámara galega". Touriño afirmou que o goberno "non pode estar inmóbil diante dun modelo que amosou un claro fracaso no seu funcionamento".

Ao fío, lembrou que no compromiso de goberno asinado por PSdeG e BNG recolleuse de xeito explícito que o executivo galego tomará as decisións oportunas para coordinar a acción das deputacións provinciais "por medio dunha lei e da elaboración dun pla único de obras e servizos", no sentido en que o propio Estatuto de Autonomía e a actual lei de bases de rexime local xa permiten que se poida facer. "É necesario un modelo de artellamento territorial eficaz", insistiu Touriño anunciando que a modernización das deputacións é clave nesa tarefa e laiándose de que o modelo executado polo PPdeG "non contribuíu ao equilibrio do país". Nese contexto, o presidente da Xunta pediulle ao novo líder dos populares que deixe de "estar á defensiva e poñer obstáculos todos os días no camiño das reformas" e que amose "autonomía plena no compromiso de poñer en marcha dunha vez a reforma do estatuto".

O PPdeG oponse a calquera modificación do sistema actual
"O presidente da Xunta non ten lexitimidade para pedir a coordinación das deputacións provinciais mentres non coordine a acción do seu Goberno", afirmou o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, na súa internvención no Parlamento.

Feijoo atacou a Touriño reprobándolle que "di que non pensa na abolición dos organismos provinciais e logo que no proceso de reforma estatutaria habería que revisar o papel das deputacións, pero non di como, mentres o conselleiro de Presidencia e os do BNG din que hai que abolilas e o conselleiro de Traballo di que vai aumentar a súa representatividade nas municipais".

Ao fío, o voceiro do PPdeG espuxo que o ditame recente do consello consultivo, solicitado polo propio presidente da Xunta, subliña que "respecto das entidades provinciais existe unha garantía constitucional infranqueábel (...) que imposibilita a desaparición da provincia coma entidade dotada de autonomía a xestión dos seus propios intereses".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: