A Asociación Cultural Fillos de Galicia, que mantén no portal Fillos.org a máis vizosa comunidade virtual de emigrantes galegos, cóntanos da iniciativa "Parcelaria Virtual pola Cultura Galega", coa que buscan conseguir financiamento para as súas actividades. Con ese obxetivo e inspirados na famosa Million Dollar Page, partillaron un mapa galego nun milleiro de microleiras con prezo de 381,68 euros cada unha. De momento xa venderon oito. A meta: 400 mil euros en dez anos. A Asociación Cultural Ribeira Sacra, os avogados Rivadeneyra, Treviño e De Campo, a casa rural Reitoral de Anllo e a bitácora Mimi, gatiña galego-portuguesa, son os primeiros propietarios.
"O proxecto está dirixido moi especialmente ao tecido empresarial e institucional galego, ao que se lle oferta a posibilidade de asociar o seu patrocinio cunha zona concreta de Galiza dentro dun sitio web vencellado coa maior comunidade virtual galega na rede", subliñan os promotores da idea. A "parcelaria virtual" pon á venda 1048 parcelas gráficas a prezo único de 381,68 euros, co dereito a poñerlle ligazón á web desde cada predio virtual, así coma o logotipo ou texto que se desexe.
"Unha vez estea completado o mapa , a web permanecerá durante dez anos colgada na rede, constituídonse nunha metáfora visual da internet galega a través dun mosaico ou collage do que é Galicia en internet nestes momentos, representada a través de 1048 parcelas virtuais. A Parcelaria convertirase nunha manifestación artística dentro do concepto do web art", destacan.
Nada en 1997, a Asociación Cultural Fillos de Galicia foi promovida polo informático Manuel Casal Lodeiro, co obxetivo de "por en contacto Galicia cos emigrantes galegos e os seus descendentes en todo o mundo". O colectivo conta a día de hoxe con 43 socios, e mantén deica marzo unha campaña coa meta de chegar aos 60. Porén, o seu portal Fillos.org, mantido por voluntarios e colaboradores, ten xa tres milleiros de usuarios rexistrados.