A Federación Ecoloxista Galega mostra a súa profunda indignación polo macabro suceso relacionado coa aparición de tres lobos decapitados en Rodeiro, tratándose dun acto delitivo moi grave contra a fauna salvaxe e que pon en evidencia a debilidade dos mecanismos establecidos para o fomento do respecto á fauna e medio natural en xeral.
Dende a FEG ao igual que outras organizacións se ven denunciado nos últimos anos feitos semellantes ao acontecido, sendo habituais ao longo de todo o territorio o uso de trampas non selectivas coma os lazos, trampas-caixa, velenos de composición variable e altamente tóxicos e caza ilegal, métodos que polo xeral ademais de xerar un considerable dano ecolóxico teñen un efecto sobre os animais afectados altamente agonístico chegando ate extremos nos que o sufrimento pode durar varios días.
No caso de Rodeiro tratase de tres individuos adultos, dous machos e unha femia en aparente bo estado de saúde e detrás da súa decapitación escóndese máis que un probable episodio de disecado das cabezas coma trofeo a colgar nalgunha parede. Práctica totalmente prohibida e suxeita a fortes sancións tanto pola Lei de Caza e a Lei de Conservación da Natureza.
O lobo é unha especie suxeita a unha forte controversia entre especialistas a sociedade, principalmente do entorno rural que convive coa súa presencia, e a administración, circunstancia que da lugar a un importante regueiro de información e valoracións na súa maioría de pouca base científico-ecolóxica e que teñen coma desenlace principal ante o desconcerto xerado reaccións centradas na persecución e erradicación ilegal sexa cal sexa o método.
A FEG demanda á Consellería de Medio Ambiente, responsable de velar pola conservación da fauna galega, a actuación inmediata e decidida para afrontar a problemática da xestión do lobo e da fauna salvaxe en particular daquela máis ameazada. Non é suficiente coa presentación de plans e programas de xestión senón que debe avanzarse na posta en marcha dun dispositivo de loita vixilancia e persecución dos infractores que están detrás destes macabros sucesos. Ata o de agora os que están detrás deste tipo de infracción ambiental andan as súas anchas ante o coñecemento da tibia persecución dos mesmos e falta de sancións exemplares, nunha situación crónica que ven dada pola pouca atención prestada por parte da administración no fortalecemento e mellora do Servizo de Gardería de Medio Ambiente e das súas responsabilidades.
Con relación á problemática do lobo é de agardar o contido do que vai ser o "Plan de Xestión do Lobo de Galicia" e coma vai ser a súa posta en marcha, máis dende a FEG recordamos que para o seu éxito vai ser necesario o debate e contraste de opinións incluíndo as aportacións dos diferentes especialistas galegos que foron vetados coa administración anterior, ademais de apostar por unha forte campaña de sensibilización e de reparación de danos económicos causados polos ataques.
Igualmente a FEG agarda que non se demore por moito máis tempo a posta en marcha do Catálogo Galego de Especies Ameazadas e que este conste dunha dotación económica que garanta a posta en marcha dos plans de conservación e recuperación das especies catalogadas con maior risco.
Na loita contra o uso de velenos no monte, responsables da morte de numerosos depredadores salvaxes con poboacións en perigo (mustélidos, aves rapaces, e o propio lobo) e incluso cans domésticos e de caza e práctica que ven repuntando nos últimos anos, a FEG solicita a posta en marcha do Plan Antídoto un protocolo de actuación co que xa contan os servizos de Conservación da Natureza doutras Comunidades Autónomas.