En solidariedade cos pobos que "están a manter unha xusta loita contra a instalación irracional de fábricas de pasta de papel en Frai Bentos, que van destruír os recursos naturais e turísticos da zona, afectándolle á economía e á saúde e calidade de vida das persoas", vén de crearse unha plataforma que integra, entre outros, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega e a Asociación pola Defensa da Ría. Para o próximo sábado día 11 convocan unha concentración diante do consulado uruguaio, en Vigo, ás 12h.
A Plataforma lembra a actual revindicación en Galiza para a saída da celulosa que Ence ten na ría de Pontevedra, e subliña neste contexto a necesidade de explicitar a solidariedade galega cos cidadáns arxentinos e uruguaios que están mobilizándose contra "o modelo irracional e contaminante que Ence e Botnia, co consentemento do goberno uruguaio, pretenden impor aproveitándose da difícil situación económica que atravesa aquel país".
No manifesto que veñen de redactar, defenden que esa zona do río Uruguai sexa obxetivo de modelos de desenvolvemento sustentabeis que aproveiten os recursos naturais e turísticos do lugar. Segundo acusan, ese modelo "é incompatíbel" cos proxectos de celulosas promovidos pola empresa finlandesa Botnia e a galega Ence.
Ao tempo critican de xeito específico a política forestal baseada na promoción "masiva e desaxeitada" do monocultivo do eucalipto que, segundo denuncian, está "imposta" polas multinacionais da pasta de papel. Advirten que esas políticas están "destruíndo sistematicamente os bosques tropicais impedindo a explotación forestal dun xeito máis xusto social, económica e medioambientalmente".