Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
DOUS DE CADA DEZ NON PODEN CONSULTARSE EN LINGUA GALEGA

Tres de cada catro webs municipais galegas incumpren as normas de accesibilidade

Aínda que no novo escenario legal a finais do pasado 2005 as webs públicas xa deberan ter arranxado as súas eivas básicas de accesibilidade, o 74% dos sitios na rede dos concellos galegos seguen incumprindo os estándares esixidos. Así o recolle o informe de Rede Galega presentado esta semana polo consultor informático Manuel Casal Lodeiro, promotor tamén da comunidade Fillos de Galiza. O estudo apunta ademais que nove de cada dez webs de concellos galegos non cumpren coa lei de protección de datos e mesmo que a metade dos municipios non teñen web oficial.

- 09:07 03/02/2006
Tags:

"Salientamos no noso estudo todos aqueles aspectos nos que están a fallar os webs municipais, que son moitos, porque hai que rachar co atraso de Galiza na Rede, comezando polos webs públicos", comenta Manuel Casal Lodeiro. Impulsor tamén do espazo Fillos de Galiza, o informático quixo destacar que "ter unha axeitada presenza na Rede é imprescindible para tender pontes coa emigración".

"Cando teremos en liña aos 141 concellos que aínda non teñen ningún tipo de web municipal?", pregúntanse os autores do informe ao tempo que se laian do lento ritmo de acceso dos concellos galegos a internet e cualifican de "alarmante" que unha elevada porcentaxe de municipios non sexan propietarios dos seus nomes de dominio na rede.

A existencia de máis dun 10% de webs municipais só accesíbeis a través do navegador de Microsoft, o Internet Explorer, o abuso de contidos realizados co Macromedia Flash e sen adaptar aos criterios de accesibilidade exisíbeis, a estrutura da web organizada en marcos... Son algunhas das eivas subliñadas nesta análise, que na valoración global da facilidade de uso das webs dos concellos e logo de analizar un conxunto de trinta características, dálle unha nota media de 1.88 sobre 5.

O informe comenta a alta porcentaxe de erros de aplicación da linguaxe de html, peneira que apenas pasa ningunha web municipal e que amosou un maior número de erros nos sitios de Rianxo, Vilagarcía, Pontevedra e Coruña. Doutra beira, e nun país con ampla fenda dixital e pouco acceso aínda ás conexións de alta velocidade, destaca tamén o problema das páxinas de entrada "pouco lixeiras" que polo seu peso tardan en poder ser visualizadas polo internauta. Os peores datos neste apartado foron para Carral, Pereiro de Aguiar, Melide e Moaña.

E por outro lado e no aspecto positivo, ao respecto dos criterios de usabilidade, Rede Galega destaca que as mellores notas foron conseguidas polos concellos de Cariño, Ames, Arzúa, Carballo, As Pontes, Lourenzá, Lugo, Maceda, Lalín, Silleda e Soutomaior.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: