"Non é probábel que os gobernos da Unión Europea, cando menos ao nivel dos seus servizos secretos, non estivesen ao tanto". Así o subliñou este martes o fiscal suízo Dick Marty, a quen o Consello de Europa lle encargou a elaboración dun informe sobre os voos nos que a CIA usou aeroportos europeos para transportar a presuntos terroristas. Por outro lado, Amnistía Internacional, envioulle esta semana unha carta ao presidente do goberno español onde lle piden que especifique "as medidas que tomou para garantir unha investigación plena e eficaz" da suposta utilización por parte da CIA dos aeroportos estatais para prácticas "á marxe da legalidade internacional".
"Hai gran cantidade de evidencias coherentes e converxentes que apuntan á existencia dun sistema de reubicación ou subcontratación da tortura". Así o denunciou Dick Marty no informe presentado á asemblea do Consello de Europa, na que están representados 46 países do continente. Marty subliñou que está probado que os Estados Unidos son responsábeis do secuestro de cidadáns "privados da súa liberdade e transportados a diferentes destinos en Europa, para seren entregados a outros países onde sufriron trato degradante e torturas".
Por outro lado, Marty apuntou que de momento non hai probas sólidas de que os EUA tivesen en Europa cárceres secretos onde mantivesen a presos nas condicións que o fan en Guantánamo, malia as pegadas que situaban estes centros de detención en Romanía, Polonia, Bulgaria, Cosova, Macedonia e Ucraína.
En todo caso, concluíu que as evidencias atopadas confirman que os países europeos miraron para outro lado diante do "traballo sucio" feito pola CIA e foron cómplices de "actividades ilegais" xustificadas dentro da chamada guerra contra o terrorismo.