O Conservatorio Folque de Lalín centrará en docentes e pandeireiteiros/as os primeiros cursos monográficos de xaneiro. O primeiro, 'Dinámicas de música galega na escola', hano impartir Paulo Nogueira e Magoia Bodega. No segundo, 'Pandeireta galega', participan Chuco Estévez, Ramón Pinheiro e Ugia Pedreira. O baile galego de creación, impartido por Sergio Cobos, será a última xoíña de xaneiro.
O curso monográfico de dinámicas de música galega na escola está dirixido a mestres de primaria e secundaria ou mestres de música galega, en xeral, en asociacións folclóricas e escolas de música. Comeza o sábado 28 de xaneiro, de 10 a 14 horas. A matrícula son 40 euros (30 para asociados).
Os contidos deste primeiro monográfico do CMTF abranguen audición musical activa, cantigas, instrumentacións, instrumentos populares galegos e ritmo e movemento.
O segundo curso monográfico, de pandeireta galega, comeza o 21 de xaneiro, de 19 a 20 horas. A matrícula son 50 euros (40 para os socios).
O último curso de xaneiro comeza o día 28, de 17 a 18.30 horas, e céntrase no baile galego de creación.
Podedes inscribirvos no seguinte enderezo. Para calquera información, consultade a web do CMTF.
Para febreiro e marzo, o CMTF organizará cursos monográficos sobre danzas europeas (Mercedes Prieto), acordeón diatónico (Artur Fernandes, de Danças Ocultas) ou afinación e mecánica de acordeóns, con José María López.