Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
EDITARÁ UN DICIONARIO DE TERMOS ECONÓMICOS

Política lingüística propón un pacto pola normalización no sector empresarial

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, vén de anunciarlle ao empresariado galego un paquete de medidas para fomentar o uso da lingua entre o sector, incluíndo a posta en marcha dun ambicioso proxecto normalizador que presentará a Comfederación de Empresarios de Galiza e que terá unha partida duns 750.000 euros. Outro obxectivo do departamento é fornecer de ferramentas lingüísticas e tecnolóxicas as empresas, e para iso está a piques de editar o Dicionario de Termos Económicos.

- 11:34 16/01/2006
Tags:

No transcurso da xornada sobre Economía e Identidades do Foro Enrique Peinador, organizada pola Fundación Premios da Crítica de Galicia, Marisol López expresou a súa vontade de chegar a un gran acordo cos empresarios para estender o uso da lingua galega nas relacións laborais, comerciais e empresariais. Para conseguilo, anunciou varias medidas, entre elas a posta en marcha dun ambicioso proxecto normalizador que na actualidade está preparando a Confederación de Empresarios de Galicia e que contará co apoio técnico e económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística. "Estamos á espera de que a Confederación de Empresarios nos presente un proxecto de normalización que vai englobar a todos os seus asociados e que contará coa nosa axuda técnica e económica, cunha partida non inferior aos 750.000 euros", anunciou.

A secretaria xeral explicou ademais que son obxectivos prioritarios do seu departamento "incrementar os recursos lingüísticos e ofrecer ferramentas tecnolóxicas que lles permitan ás empresas desenvolver a súa actividade en galego". Para iso, editarase nun breve prazo, o Dicionario de Termos Económicos, un volume de grande utilidade para fornecer a terminoloxía empresarial e que vai ser distribuído entre as principais empresas galegas. Explicou que outra das ferramentas coas que se vai contar en breve é un tradutor informático de altas prestacións que poderá facilitar a galeguización de multitude de documentos bancarios, formularios e todo tipo de documentación empresarial.

Marisol López anunciou a súa intención de manter xuntanzas co empresariado para avanzar no obxectivo declarado pola Presidencia da Xunta de "involucrar ás grandes empresas deste país na incorporación do uso do galego e no compromiso coa lingua que fala a maior parte dos cidadáns de Galicia". Engadiu que no actual sistema económico globalizado "o reforzamento da propia identidade sen renunciar á nosa lingua pode ser un valor engadido dos produtos e servizos que as empresas galegas sexan quen de proxectar" e propuxo ao sector empresarial galego "un gran acordo pola fala, un compromiso inequívoco coa lingua que nos une e que constitúe o núcleo vital da nosa identidade".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: