"Os resultados podémolos cualificar de pobres. Ningún dos sitios analizados conseguiu acadar unha porcentaxe de éxito do 50% e o promedio xeral está no 24,5%". Así critica o Observatorio de Infoaccesibilidad de Discapnet, da Fundación ONCE, o défice de accesibilidade nos espazos web dos gobernos autonómicos. Por baixo desa media está o sitio da Xunta de Galiza, que nos criterios analizados acadou só un 19,35% sobre o total requirido. Na cima da clasificación está o portal de Murcia, cun 47,6%, e o da Rioxa é pechacancelas, cun 7,9%.
A Fundación ONCE é especialmente crítica coas eivas dos portais oficiais dos gobernos autonómicos en canto á súa accesibilidade, xa que lembra que os promedios acadados están por baixo dos rexistrados noutros sectores alén da administración pública.
Imaxes directamente vencelladas coa realización dunha tarefa sen texto alternativo; ausencia dun buscador de contido do sitio; uso de tecnoloxía flash non accesíbel directamente e sen alternativa accesíbel; menús e testos moi pequenos; información que aparece curtada ao aumentar a resolución de pantalla; imposibilidade de acceder co teclado a todos os contidos.... Velaí algúns erros básicos que se atoparon en moitas das webs, doadamente corrixibeis e que lle impiden ou dificultan extraordinariamente a navegación ao 10% dos cidadáns, persoas con discapacidade visual, motriz ou auditiva.