Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O GOBERNO BUSH NON CONSEGUE AMPLIAR DE MOMENTO A "LEI PATRIÓTICA"

Tensión política nos EEUU polos últimos desafíos ás liberdades civís

"George W.Bush fixo brincadeira varias veces durante a súa carreira política dicindo que sería moito máis doado gobernar unha ditadura. Aparentemente nunca lle dixo ao seu vicepresidente que isto era unha broma". Así editorializa esta semana The New York Times, criticando a teima de Dick Cheney en prorrogar e aumentar os excesos lexislativos do goberno USA en materia de seguridade aproveitando os ataques do 11S. Por outro lado, Cheney vén de informar que os EEUU retirarán 20 mil soldados de Iraq na primavera. Contámoslles tamén da acusación da xustiza italiana a un marine USA polo asasinato do axente Calipari, nun asunto que lembra ao caso Couso.

- 10:53 23/12/2005
Tags:

"Mentres a maioría de americanos miraban con preocupación sucesos coma a guerra de Vietnam, o Watergate ou o caso da Irán-Contra convencidos de que a presidencia se volvera demasiado poderosa e secretista o señor Cheney miraba para aí e desacougáballe que o presidente non fose máis poderoso e puidese ser sometido a investigación e tivese que dar contas do que fai". Así se posiciona o prestixioso The New York Times diante do intenso debate que os EEUU ten estes días sobre a bautizada "lei patriótica" que lle dá poderes especiais ao goberno coa escusa da loita contra o terrorismo e na que o equipo Bush se acolle para explicar o labor de espionaxe ilegal sobre cidadáns e colectivos que a prensa descubriu estes días.

Bush pretendía que alén da súa extensión temporal, esta lei se convertise en permanente, subliñando no seu discurso que en caso de ser anulada "os EEUU serán vulnerábeis aos atentados terroristas". Da outra beira, os principais colectivos en defensa das liberdades civís veñen loitando duramente contra a iniciativa. Este mesmo mes un xuíz que formaba parte do tribunal especial que autoriza as escoitas telefónicas, demitiu logo de coñecerse que o presidente as estaba permitindo sen autorización xudicial. Finalmente os congresistas republicanos e demócratas acordaron unha prórroga dun só mes para os puntos clave da "lei patriótica".

A xustiza italiana acusa a un marine USA do asasinato de Calipari
Un mozo italiano analizou as frases borradas do documento informático enviado pola administración Bush ao goberno italiano revelando a presunta identidade do soldado estadounidense responsábel do disparo que matou ao axente do servizo secreto italiano Nicola Calipari cando protexía a saída de Iraq da xornalista Giuliana Sgrena. A fiscalía de Roma encargada da investigación deste asasinato acusa agora de homicidio voluntario a este marine, aínda que recoñece a dificultade para chegar a interrogalo, nun caso que lembra moito ao do cámara ferrolán Xosé Couso, morto logo do disparo dun tanque USA contra o hotel onde se refuxiaban os xornalistas en Bagdad.

Calipari morreu no tiroteo que se produciu sobre o vehículo no que viaxaba cara ao aeroporto de Bagdad o pasado 4 de marzo coa xornalista italiana Giuliana Sgrena, recén liberada logo dun mes de secuestro. A investigación posterior revelou a falsidade dos argumentos do exército USA para explicar ese ataque dos seus soldados ao coche. Lembrámoslles tamén que hai poucas semanas, e logo de que a RAI emitise un documental onde presenta probas de que o exército estadounidense usou armas químicas no ataque a Faluia, Sgrena explicou que precisamente ela investigaba o presunto uso de napalm e fósforo branco pouco antes de ser retida por descoñecidos.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: