A ONG galega Amarante e o Fondo Galego de Cooperación, que engloba aos concellos e ás deputacions de Galiza, asinan este venres en Santiago un convenio de colaboración co fin de impulsar o comercio xusto na administración municipal. Trátase do programa Bo Cafe, co que Amarante pretende sensibilizar a sociedade galega sobre a necesidade de consumir café do que se comercializa no circuito do comercio xusto, pois segundo a ONG é o que máis divisas move no mundo despois do petroleo e do que dependen máis de 25 millóns de familias dos países do Sur.
Con este acordo entre o Fondo Galego de Cooperación e mais Amarante acadarase que os concellos galegos introduzan café de comercio xusto nas máquinas de vending e nas cafeterias dependentes destes organismos.
Segundo explica Amarante na súa web, "o Comercio Xusto é unha actividade comercial baseada nunha relación directa e de respecto mutuo, na que productores e consumidores obteñen a garantía de produción baseada no respecto ós dereitos humanos e no desenvolvemento autosostíbel".
Amarante conta con catro puntos de venta en Galiz: as Tendas de Comercio Xusto de Pontevedra e Compostela, a Tenda de Comercio Xusto do Centro Crisol en Vigo (conxuntamente coa ONG IND) e o punto de venta n'A Fundación en Melide. A ONG centraliza dende a súa sede en Pontevedra a distribución dos produtos que importa dende os países do Sur.