Media ducia de avións usados pola CIA para as chamadas "entregas extraordinarias" de persoas ilegalmente detidas, realizaron arredor dun milleiro de voos que chegaron ou saíron do espazo aéreo europeo, segundo vén de denunciar Amnistía Internacional. Contámoslles de paso que o cidadán alemán arrestado, por erro, pola CIA cando estaba de vacacións en Macedonia, presentou esta semana unha denuncia contra a axencia de espionaxe estadounidense.
"Trasladar en avión as persoas detidas a países nos que poden correr perigo de seren sometidas a tortura ou malos tratos constitúe unha contravención directa e indiscutíbel do dereito internacional, ofrézanse ou non as chamadas
Logo que o ministro de Asuntos Exteriores irlandés, Dermot Ahern, lanzase o desafío a pasada semana: "se alguén ten probas da existencia de calquera destes voos, pode chamarme e abrirei unha investigación inmediata", o colectivo fixo revisión dos diarios de voo de seis aparatos fletados pola CIA desde setembro de 2001 até setembro de 2005, elaborando un informe que detalla a súa actividade tamén no aeroporto irlandés de Shannon. Ao respecto, Amnistía pídelle a todos os gobernos da UE que investiguen a fondo as denuncias segundo as cales o seu territorio foi usado para este tipo de voos.
Contámoslles de paso que Khalid el-masri, cidadán alemán de orixe libanesa, presentou denuncia contra George Tenet, antigo director da CIA, e contra a compañía aérea Premier Executive Transport Services. Khalid foi arrestado en Macedonia en xaneiro de 2004 e transportado nun avión desa compañía a Afganistán desde o aeroporto mallorquín de Sant Joan. Desaparecido durante varios meses, foi posto en liberdade en maio de 2004 sen recibir ningún tipo de explicación.