Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
O POTENCIAL DAS ENERXÍAS RENOVÁBEIS

As renovábeis poderían abastecer 30 veces toda a demanda de electricidade de Galiza no 2050

Segundo o informe "Renovables 2050", encargado por Greenpeace España ao Instituto de Investigacións Tecnolóxicas (IIT) da Universidade Pontificia de Comillas, "Galiza podería ser autosuficiente con enerxías renovábeis para toda a súa demanda de electricidade proxectada para 2050 (22,23 TWh/ano)". Con este informe sobre o potencial das renovábeis no conxunto do Estado español, Greenpeace quere pór de manifesto a enorme capacidade das renovábeis para atender a demanda eléctrica, mesmo aplicando certas restricións ambientais e sen as necesarias accións de promoción do aforro e da eficiencia. Greenpeace critica a timidez do Plano estatal de Fomento das Enerxías Renovábeis.

- 19:46 26/11/2005
Tags:

As tecnoloxías actuais poderían xerar 45 veces a demanda española de electricidade no 2050. "O noso maior xacemento é o sol, mais se queremos vivir verdadeiramente no "país do sol", o Goberno ten que mudar o papel absolutamente marxinal que se lle deu até agora nas planificacións enerxéticas ás distintas formas de aproveitar a enerxía solar", declarou José Luis García Ortega, responsábel de proxectos da Campaña de Energía de Greenpeace, quen estivo en Santiago o 25 de novembro para presentar o informe
"Renovables 2050".

O informe sinala que Galiza é a comunidade autónoma "con maior potencial para a xeración de electricidade a partir da biomasa de mato e da enerxía das ondas". O noso país podería ser autosuficiente no 2050 só cunha calquera destas fontes de enerxía renovábeis: a termosolar (case 24 veces a demanda), a solar fotovoltaica con seguemento, a solar fotovoltaica integrada en edificios, chimeneas solares, a eólica terrestre, a eólica mariña (3 veces) ou a enerxía das ondas (case 6 veces). Non hai que aproveitar todo este potencial, senón chegar a un mix de xeración totalmente renovábel e de usar eficientemente a electricidade.

Greenpeace demanda "unha aposta política decidida a prol das enerxías renovábeis, con obxectivos máis ambiciosos e maiores recursos económicos, e en detrimento as energías sucias. A abundancia de recursos renovábeis debería permitir abordar con confianza as próximas decisións de política enerxética e climática: directiva de renovábeis, revisión das primas, fiscalidade ecolóxica, etiquetaxe eléctrica, planificación enerxética, plano de peche nuclear, Plan Nacional de Asignación de emisións e novos obxectivos de Quioto".

Segundo o estudo de Greenpeace, "existen infinitas opcións de configurar un mix de xeración de electricidade totalmente renovábel (utilizando só un 5,3% do territorio estatal e excluíndo todas as zonas catalogadas baixo algunha figura de protección ambiental, o que equivale ao 28% do territorio), e mesmo sería tecnicamente viábel abastecer completamente a demanda enerxética total con fontes renovábeis".

A UE pode reducir nun tercio as súas emisións de gases de efecto invernadoiro no 2020

Outro informe ecoloxista, este feito polo Instituto Wuppertal de Alemaña para WWF/Adena, sostén que a Unión Europea pode reducir un tercio das súas emisións de gases causantes do cambio climático no 2020, "a través da eficiencia enerxética e das enerxías renovábeis, así como dun sistema forte de comercio de emisións", mesmo sen construír novas nucleares e cos peches previstos de nucleares existentes.

WWF/Adena sinala que "unha Europa máis amiga do clima" suporía enormes beneficios, incluíndo unha menor dependencia enerxética, aforros para todos os sectores da economía, menos custos de saúde por causa da menor contaminación e oportunidades de emprego no campo das renovábeis e da conservación da enerxía.

WWF demanda unha política europea de clima cun forte sistema de comercio de emisións no seu centro, acompañado de directivas que establezan obxectivos vinculantes para a eficiencia enerxética, así como dun maior apoio legal e fiscal para as renovábeis. "Unha reforma fiscal ecolóxica tamén debería ser implementada para eliminar subsidios directos e indirectos para a enerxía insustentábel", como a nuclear ou o carbón.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: