Moitas das formas de violencia que atentan contar os dereitos das mulleres no mundo apenas chegan ás páxinas da prensa occidental. Unha delas é o feminicidio, que afecta especialmente a países como Guatemala, no que as condicionantes históricas e as prácticas sociais se agochan tralos máis de 1.500 asasinatos a mulleres nos últimos catro anos. Un artigo de Ana Miranda
"Acuérdense que las mujeres de Guatemala
también tenemos derechos humanos"
Alba Estela Lola Maldonado Guevara
Guatemala, realidade multiétnica, pluricultural e multilingüe. Como afirma Eduardo Galeano, "un país no medio, arredado dos circuítos das cadeas de comunicación internacionais". Desgraciadamente presente estes días por unha nova catástrofe ambiental co paso devastador do furacán Stan, que pon en evidencia a catástrofe humana e económica preexistente coa falla de infraestruturas e a miseria existente, agravada polas invasións norteamericanas e o xenocidio.
Os 36 anos de conflito bélico rematan en 1996 coa sinatura, auspiciada pola ONU, dos Acordos de Paz entre o Estado e a guerrilla, acordos que a case dez anos da súa sinatura, poñen en evidencia o incumprimento do compromiso de construción nacional de conciliación e concordia baseada na desmobilización militar e na inserción social, cultural e económica da guerrilla e a preservación dos seus dereitos. Unha sociedade co 57 por cento da poboación na pobreza -21 por cento na pobreza extrema-, con migracións permanentes cara ao norte, área de tránsito das redes de narcotráfico cara México, analfabetismo enorme, privatización dos servizos sociais e da seguridade con excesiva proliferación de armas, con asimétricas relacións de poder, especialmente entre os xéneros, que propicia un ambiente social e ideolóxico de violencia normalizada contra as mulleres.
En Guatemala, as mortes violentas de mulleres medraron tanto e con tanta crueldade nos últimos anos que fai que este país centroamericano ocupe o quinto lugar do mundo en violencia de xénero. As cifras son reveladoras: 307 mulleres en 2001, 317 en 2002, 383 en 2003, 527 en 2004, 312 na primeira metade deste ano- 169 segundo cifras oficiais-. En total, do 2000 ao 2004, o feminicidio medrou nun 112,25 por cento. Son crimes cometidos en áreas urbanas, a mulleres de entre 13 a 36 anos.
O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (novembro 2005, nº 102