Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
XORNADAS

A USC acolle a Semana da Ciencia e da Tecnoloxía de Galiza

A ciencia e a tecnoloxía van protagonizar dúas semanas de conferencias na USC, na edición de 2005 da Semana da Ciencia e Tecnoloxía que organiza o departamento de Historia da Arte da Facultade de Xeografía e Historia. As conferencias, que terán lugar de luns a venres dende o día 7 ata o día 18 de novembro, están complementadas coa mostra A fronteira entre a arte e as matemáticas, na Facultade de Matemáticas da USC.

- 16:24 07/11/2005
Tags:

A xornada inaugural, a do día 7 de novembro, centrarase na presentación da Semana da Ciencia para comezar coas conferencias o martes 8. O primeiro dos proxectos de investigación en levarse a cabo será Iconografía do 'outro' ou historia da marxinalidade no Medievo, presentado polo catedrático de Historia da Arte Manuel Núñez. Ao remate da presentación deste primeiro proxecto pronunciará a súa conferencia a profesora María Dolores Barral, que falará sobre Anxos e demos na arte medieval.

Ao longo destas dúas semanas de ciencia haberá outros seis proxectos de investigación: Os mosteiros bieitos en Galicia, Catalogación do material audiovisual galego, A transformación da concepción da paisaxe na era posindustrial: a vertente Atlántica, Planos e debuxos de arquitectura de urbanismo: Galiza e o século XVIII, Arquitectura e cidade. A redefinición da Compostela oitocentista e Estudo iconográfico do Ovidio figurado español: as imaxes das metamorfoses do Medievo ao século XVII.

Canto ás conferencias e mesas redondas os temas a tratar ata o día 18 de novembro serán a recuperación dos mosteiros galegos, o cine e as belas artes, a arte e a música no cine, os faros como recurso patrimonial e a música e a emigración, entre outros. Pero ademais, ata o 30 de novembro unha mostra acompañará o contido da Semana das Ciencias e da Tecnoloxía na Facultade de Matemáticas. Trátase da Fronteira entre a arte e as matemáticas, composta por unha colección de imaxes xeradas mediante ordenador por un grupo de artistas e científicos especializados na representación de fórmulas matemáticas.


0/5 (0 votos)