"Técnicas Aumentadas de Interrogatorio" é o eufemismo co que de xeito interno o goberno estadounidense lle autoriza á súa Axencia Central de Espionaxe, a CIA, ao emprego de abusos prohibidos pola Convención de Xenebra para tratar de sacarlle información aos detidos. Segundo revelou esta semana o diario Washington Post, estos procedementos serían habituais na rede de prisións secretas que, presuntamente, o goberno USA tén en varios países, entre eles varias "democracias do leste de Europa".
Segundo a información do Washington Post, estas prisións de alto secreto só son coñecidas a nivel da administración USA polo propio presidente e por un reducido número de altos cargos do seu equipo, ademais de por un pequeno número de axentes dos servizos de espionaxe implicados nestas prácticas. O Post asegura que cando menos dúas ducias de presuntos líderes de al Qaeda pasaron por esta rede e unhas setenta persoas terían sido entregadas a países coma Exipto, Marrocos ou Afganistán para seren sometidos a condicións ilegais nos EEUU.
En Europa, o goberno USA empregaría para estes interrogatorios prisións da vella Unión Soviética situadas en países do leste europeo. Bautizadas como "buracos negros", varias destas prisións foron abertas logo dos atentados do 11S coma parte do proxecto de loita antiterrorista da administración Bush.