Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REMATA A NEGOCIACIÓN

O BNG apoiará os orzamentos do PSOE logo da asignación de 30 millóns máis para Galiza

"Satisfacción moderada" foi a definición que Francisco Rodríguez, deputado do BNG no Congreso, fixo do acordo ao que os nacionalistas galegos chegaron co PSOE para apoiar os orzamentos xerais do Estado de 2006. Diante da esixencia inicial de 150 millóns de euros coa que abriu negociación o Bloque, os socialistas fixeron concesión de ata uns 30 millóns. O PSdeG gabou a decisión e desde o PPdeG acusan ao BNG de "colaborar no atraso de Galiza".

- 06:02 21/10/2005
Tags:

O feito simbólico que coas engádegas prometidas sobe a cantidade total investida en Galiza por riba dos 1.500 millóns de euros, axudou finalmente ao acordo entre socialistas e nacionalistas. As cantidades adicionais irán en dúas terceiras partes para investimentos a través dos ministerios de Fomento e de Medio Ambiente, investíndose 11,5 millóns no treito Ourense-Lubián do tren de alta velocidade, dous millóns o treito Coruña-Ferrol e 13 millóns en iniciativas de mellora do servizo eléctrico en áreas rurais.

Rodríguez destacou tamén os investimentos extras no apartado de estradas e precisou que sobe a medio millón de euros o orzamento para a circunvalación de Pontevedra, proxecto que agora se4 deberá realizar en só dous anos. Ao tempo e nesa mesma área, a A-52 pasa de 110 mil a 1 millón de euros. Ao norte, na Coruña a vía á Zapateira incrementa de 100 mil a 400 mil o seu orzamento. Doutra volta, asígnanse cantidades para a recuperación de cinco praias no litoral coruñés e a restauración dun edificio de salazón.

Antón Louro, deputado galego do PSOE no Congreso, gabou o acordo ao que chegaron co BNG asegurando que o orzamento final para Galiza "é o máximo executábel" e "sen precedentes na historia orzamentaria". Louro asegurou que aínda asignando maiores recursos non poderían executarse "pola herdanza do goberno do PP con moitas actuacións en situación de nin sequera estudo informativo".

Mentres, desde o PPdeG cualificaron nun comunicado de "contradiccións" as declaracións dos nacionalistas galegos nas últimas semanas e lembraron o acordo votado no seu día no Parlamento galego cos votos a favor de BNG e PPdeG e a abstención do PSdeG, onde se pedía que o investimento nos orzamentos xerais do Estado chegase aos 1.559 millóns de euros. Os populares cualifican de "rendición" a renuncia do Bloque a presentar unha emenda á totalidade.

Desde o BNG, Rodríguez adiantou tamén que o ano próximo "as negociacións sobre as partidas destinadas a Galiza comezarán no mes de Xuño que é cando se elaboran os Presupostos e non
vinte días antes. O partido no Goberno amosou o seu dispor a que así será a respeito dos cartos para o 2007".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: