Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRÓXIMA NEGOCIACIÓN CON MADRID

Medio cento de competencias pendentes

Policía autonómica e control de tráfico, ademais de atribucións en seguridade marítima, forman parte do grupo de transferencias competenciais que o bipartito reclamará, sumándolle dezasete ás 33 que o anterior executivo do PPdeG xa incluía na axenda de peticións ao goberno español. Así o confirmou este xoves o secretario xeral de Relacións Institucionais, Antón Losada. O Consello da Xunta desta semana decidiu que o vicepresidente Anxo Quintana se integre na comisión mixta de transferencias co Estado para liderar ese proceso negociador.

- 06:23 14/10/2005
Tags:

"Cremos que é posíbel facer avanzar o proceso de transferencia de competencias no marco do actual Estatuto", declarou Losada este xoves, logo dun encontro mantido con representantes do Instituto Galego de Estudos de Seguranza Internacional e Paz. Na opinión do secretario xeral de Relacións Institucionais, o bipartito definiu ata medio cento de áreas onde ese avance é susceptíbel de negociarse durante esta lexislatura co goberno central.

"Nós apostamos pola cooperación e polo diálogo para acadar máis autogoberno, como queren as galegas e os galegos", declarou Antón Losada, "esa é a miña receita para todos os que teñen problemas co concepto de nación e co tamaño das bandeiras ou con outras cousas: cooperación, diálogo, tranquilidade e sentido do ridículo".

O bipartito decidiu que, logo da redistribución organizativa do novo executivo, o lugar que no anterior goberno ocupaba o conselleiro de Presidencia na comisión bilateral de negociación entre o goberno galego e a administración xeral do Estado, sexa agora ocupado polo vicepresidente Anxo Quintana. Será así Quintana a cabeza visíbel do equipo negociador galego nesta comisión mixta para a definición de novas transferencias, da que tamén formarán parte o propio Losada e o conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: