Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
DE CINE

Curtocircuito 2005 trae 60 curtametraxes

A II edición do Festival Internacional de Curtametraxes desembarca en Santiago o vindeiro 18 de outubro e vai achegar ata a capital galega, 60 curtametraxes en cinco días. Nesta nova edición estréase o festival como unha cita internacional xa que ten o obxectivo de situar Compostela no panorama audiovisual mundial e conseguir que Curtocircuito sexa unha plataforma para novos creadores.

- 09:08 13/10/2005
Tags:

O certame vaise dividir en tres categorías: ficción, animación e videocreación, tres estilos para os que se recibiron arredor de 300 traballos que quedaron, finalmente, en sesenta cintas seleccionadas para a Sección Oficial. As exhibicións van ter lugar, ao longo das tardes e noites de catro días, no Teatro Principal e na Chocolataría. A nova galería de arte vai acoller as proxeccións inseridas na categoría de videocreación.

As curtametraxes premiadas en cada categoría vanse dar a coñecer o 22 de outubro, na Gala de Entrega de Premios. Uns galardóns que ascenden a 3.000 euros para os gañadores e 1.500 para o agraciado co Premio Especial do Xurado. Outro dos premios que dos que se vai facer entrega vai ser o Premio do Público á mellor curtametraxe exhibida na sección CurtoCircuito na Rúa, celebrado durante o verán, que recaeu en Binta, la gran idea de Javier Fesser. Será esa mesma noite, durante a gala, cando se estree a curtametraxe Te quiero mal, de Mireia Giró, que obtivo o premio de guión Proxecto Compostela Plató.


0/5 (0 votos)