O Foro da Inmigración de Santiago esixiu que "se investiguen en profundidade e se depuren as responsabilidades penais e políticas" que teñan que ver coa morte dos inmigrantes na fronteira entre Marrocos e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla. Mediante un comunicado, o Foro manifestou o seu rexeitamento á intervención do exército nesas fronteiras e reclama unha reforma da Lei de Estranxeiría e un incremento das políticas orientadas á cooperación exterior "entendidas como un compromiso solidario cos países empobrecidos".
O Foro de Inmigración formado polas organizacións e asociacións abaixo asinantes, en relación cos tristes, desgraciados, e intolerables acontecementos que nos últimos tempos veñen sucedendo nas fronteiras españolas de Ceuta e Melilla, quere facer público o seguinte COMUNICADO:
1.- Lamentar fondamente a morte absurda e provocada de persoas en calquera caso inocentes.
2.- Esixir que se investiguen en profundidade os feitos e que se depuren tódalas responsabilidades penais e políticas que se deriven desa investigación. En todo caso non debe quedar impunes este tipo de feitos, nin poden resolverse con vagas alusións á responsabilidade do goberno ou das forzas de seguridade marroquís.
3.- Rexeitamos de forma contundente a intervención do exército nestas fronteiras porque isto supón entender que unha situación, que é evidentemente un problema humanitario, convértese nunha cuestión de seguridade nacional. Lamentamos fondamente que de novo a realidade da inmigración apareza vencellada a un problema de seguridade interior ou incluso exterior neste caso. Un compromiso moi importante para nós deste goberno era que toda a realidade da inmigración ,como fenómeno positivo para a nosa sociedade, e as políticas correspondentes dependeran do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, Volvemos a un pasado recente que críamos ter superado.
4.-Elevar os muros ou as alambradas non pode ser tolerado como a resposta política por parte dun goberno dun estado democrático a un problema humanitario. É absolutamente inaceptable que se promova unha iniciativa que atenta de forma tan grave á dignidade das persoas e que ademais provocará que haxa máis persoas mortas e feridas nesas fronteiras.
5.- As respostas deben ser outras: a necesidade de variar en diferentes aspectos, especialmente os relacionados cos dereitos das persoas., a actual Lei de estranxeiría é unha reivindicación que ten feito en máis ocasións este Foro. Do mesmo xeito as políticas orientadas á cooperación exterior entendidas como un compromiso solidario cos países empobrecidos e non como actuacións de política económica ou xeoestrátexica- militar son as alternativas reais para abordar este drama humanitario.
Ante a gravidade dos feitos o foro de inmigración realizará na próxima semana un acto público para reclamar estes feitos.
Organizacións que conforman o "Foro de Inmigración": Asociación Amarante Asociación Chambo. Asociación de inmigrantes Gondwana. Asociación de Argentinos en el Exterior. Asociación Plataforma polo Emprego. Attac-Compostela. Asociación de inmigrantes Casa Latinoamericana en Galicia. Centro Traballo e Cultura-Cáritas Interparroquial Santiago. Cáritas Milladoiro. Cite-CCOO. Colectivo Brasileiro, Colexio Oficial de Educadores Sociais de Galicia. Comisión de Migración do BNG. Comite Óscar Romero de Santiago de Compostela. Coordenadora Diocesá de Acción Católica. Cruz Vermella. CUT. Departamento de Migración da CIG. Esquerda Unida-Izquierda Unida. Foro Debate e Acción. Asociación Galicia Acolle. Inzar. Juventudes Marianas Vicencianas. Mans Unidas, Misioneros Combonianos, Mulleres Cristiás Galegas., Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade de A Coruña. Asociación Puente Cultural Rumano-Gallego. PsdeG- PSOE-Santiago. Seminario Galego de Educación para a Paz. UXT. Voluntariado Rogas.