Científicos da Thomas Jefferson University presentan nun estudio os beneficios potenciais e o importante papel que xoga a melatonina na prevención da enfermidade de Parkinson. A melatonina é unha hormona derivada da serotonina, segregada pola epífise e a retina dos vertebrados. Está relacionada cos ciclos diarios de luz e escuridade e estacionais, por exemplo no período de celo dalgúns animais. Para o equipo investigador, a melatonina podería se-la clave para comprende-los mecanismos de curación da enfermidade de Parkinson. Polo momento, on ensaios aínda están nas fases iniciais.
Este equipo da Thomas Jefferson University demostrou en ensaios de laboratorio e
con animais de experimentación, que a melatonina é efectiva para a prevención de danos
nun tipo particular de neuronas cerebrais. Os danos son semellantes ós atopados en
neuronas de persoas afectadas polo mal de Parkinson. Moitos investigadores cren que a
perda de dopamina, un neurotranmisor cerebral, das células nerviosas provocan un estres
oxidativo ás células. A acumulación de radicais libres de osíxeno acaba coa morte
celular, sendo as neuronas productoras de dopamina particularmente sensibles. A melatonina
é comercializada como unha substancia que retarda o avellentamento. En realidade, pode
ser un activo axente antioxidante. Hai dous anos Lorraine Iacovitti, profesora de
neuroloxía na Thomas Jefferson University, e mailos seus compañeiros de traballo
amosaron, en ensaios no laboratorio, como a melatonina era efectiva para bloquea-lo avance
dos estragos dos axentes oxidantes, en neuronas productoras de dopamina danadas polo
Parkinson.
A Dra. Iacovitti e o seu equipo administroulle a un grupo de ratos de experimentación, un
axente tóxico, 6-hidroxidopamina, que dana especificamente ás neuronas productoras de
dopamina, de xeito semellante á enfermidade de Parkinson. Eles atoparon que inxectando
melatonina dez minutos antes ou trinta despois da administración do tóxico, podían
interrompe-lo avance destes danos semellante ós provocados pola enfermidade. Segundo
Iacovitti "se unha célula ten a suficiente cantidade de antioxidantes á súa
disposición poderían impedirse a morte por oxidación e os danos observados na células
enfermas. A mesma Iacovitti sinala que a melatonina podería aplicarse medicamente para o
tratamento do Parkinson, pero despois de solucionar un problema: os ensaios feitos cos
animais incluían doses moi altas da hormona.
A súa investigación continúa por varios camiños: a busca de substancias tóxicas que
provocan danos semellantes á enfermidade de Parkinson, a busca dunha substancia,
semellante á melatonina, que fose efectiva en doses baixas e o estudio dos pasos da morte
celular despois dun intenso estres oxidativo.
Máis información.