O cambio dunha "administración clientelar" a un proxecto "activo e solidario", foi o obxectivo declarado por Anxo Quintana na presentación do seu equipo na Vicepresidencia de Igualdade e Benestar. "É a primeira vez que hai unha aposta en serio por este ámbito dentro da Xunta", asegurou. Por outro lado, afirmou que "temos que educar a Madrid no respecto a Galiza". Contámoslles de paso que Fernando Blanco, Ánxela Bugallo e Carme Adán, deixarán o Parlamento para adicarse a tempo completo ás súas responsabilidades en Innovación, Cultura e na secretaria xeral de Igualdade. Nos seus escanos pasarán a sentar Pablo González Mariñas, Manuel Parga e Modesta Riobó.
O secretario xeral de Relacións Institucionais, Antón Losada; Carme Adán, secretaria xeral de Igualdade; María Xesús Lago, secretaria xeral do Benestar; e os directores xerais de Xuventude e Solidariedade e de Acción Social, Rubén Cela e Bieito Seara, acompañaron a Anxo Quintana este mércores na Casa da Parra, na Praza da Quintana en Santiago de Compostela, na presentación oficial do equipo da nova Vicepresidencia de Igualdade e Benestar.
Quintana definiu ao grupo coma un conxunto de "xente nova e emprendedora, sen medo a asumir responsabilidades e sen medo ao compromiso" e lembrou o compromiso adquirido de "poñer a Administración ao servicio da xente e facela mais áxil", subliñando a reducción de seis direccións xerais a dúas neste departamento. Coma meta do equipo fixou a loita por que "ninguén quede abandonado á súa sorte" e "ningunha galega nin galego poida dicir que o seu goberno lles negou as oportunidades de mellorar e prosperar".
Ao tempo, o vicepresidente insistiu en que o bipartito se comportará "sempre" coma o "goberno dunha nación" e asegurou que durante os próximos catro anos "temos que educar a Madrid no respecto a Galiza".