Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CARA AO PACTO POLO EMPREGO

Sindicatos e empresarios, a primeira cita no despacho de Touriño

Xosé Antonio Gómez, Xesús Seixo, Xan María Castro e Antonio Fontenla, responsábeis respectivamente dos sindicatos UXT-Galicia, CIG, CCOO-Galicia e da Confederación de Empresarios de Galicia, teñen xuntanza este mércores en San Caetano, no despacho do novo presidente da Xunta. Será o primeiro chanzo cara ao prometido pacto polo emprego e a economía, que debera iniciarse coa creación dun foro estábel de diálogo entre os axentes sociais.

- 06:41 03/08/2005
Tags:

O "pulo do emprego de calidade, estábel, vencellado a unha economía competitiva e aberta aos mercados e sectores de futuro", aparece coma o primeiro dos obxetivos principais recollidos no acordo de PSdeG e BNG. Eixo destacado dos programas cos que as dúas formacións políticas acudiran ás pasadas eleccións autonómicas, o propio Touriño destacara en repetidas ocasións despois de coñecérense os resultados do 19X, que esta sería meta decisiva da nova acción de goberno. Nese sentido, o "intercambio fluído de ideas e propostas" con sindicatos e patróns aparecía coma paso imprescindíbel.

O acordo de socialistas e nacionalistas recolle especificamente a necesidade de crear emprego estábel "e con dereitos", dándolle oportunidades de emprego aos colectivos con maiores dificultades, "aumentando a taxa de actividade, reducindo o desemprego, a precariedade e a alta siniestralidade laboral, corrixindo os desequilibrios territoriais no mercado de traballo de Galicia e loitando contra as discriminacións que sofren as mulleres, a xente moza, os inmigrantes e os traballadores de máis idade".

O conxunto de medidas inicialmente propostas para acadar ese obxetivo inclúe a promoción da estabilidade nos cadros laborais coma criterio á hora da adxudicación de contratos coa administración, a dotación ás inspeccións de traballo e mesas de control de medios necesarios para combater prácticas irregulares, a reforma do conxunto das políticas activas de emprego, a reforma do Servizo Público de Emprego reforzando o seu labor de intermediación e orientación, ou o deseño de plans territoriais en colaboración con corporacións municipais e axentes económicos e sociais locais.


Ligazóns

0/5 (0 votos)