Touriño e Quintana asinaron o pacto entre o PSdeG e o BNG que fará posíbel unha Xunta gobernada por un executivo conxunto entre socialistas e nacionalistas. Un pacto que pretende, segundo Touriño, devolverlle o "protagonismo político aos cidadáns" e, para Quintana, establecer "un contrato cos cidadáns" que permita "que Galiza sexa respectada como país".
Nunha das salas do Centro Galego de Arte Contemporánea ateigada por máis de 300 persoas, ambos líderes fixeron a súa aparición polo corredor central entre os aplausos dos asistentes. Dirixíronse posteriormente á mesa onde asinaron o texto do acordo rodeados dos xornalistas gráficos. De seguido, Anxo Quintana tomou a palabra para afirmar que a asinatura do acordo significa "o primeiro paso" da rexeneración democrática pola que votaron maioritariamente os galegos e as galegas o pasado 19 de Xuño.
Quintana entende o pacto de goberno como un contrato cos cidadáns
Quintana mostrou a súa convición de que a concertación entre nacionalistas e socialistas vai dar lugar a un executivo "que trará respecto polo país e que aprofundará no autogoberno, desde unha concepción segundo a cal canto máis autogoberno teñamos, máis benestar teremos". "A obriga do Goberno será a de facer cada vez máis profundo o autogoberno nacional", dixo.
"Coa asinatura solemne deste acordo de Goberno damos o primeiro paso na dirección da rexeneración democrática que nos marcaron os cidadáns o pasado 19 de Xuño. Vimos de asinar un acordo transparente, un acordo con luz e taquígrafos. Deixamos así atrás outro tipo de acordos, aqueles que se asinaban na escuridade, en cuartos pechados, sen dar nunca conta deles á cidadanía", acrecentou Quintana.
"Podemos felicitarnos todos e todas de que agora teñamos un acordo que é un contrato coa cidadanía, un contrato que xa non nos pertence a nós, nen ao PSdeG nen ao BNG, que lle pertence a partir de agora á sociedade", alegou. O líder nacionalista celebrou que "dúas forzas políticas distintas, con proxectos estratéxicos diferentes e programas dispares, teñan sido capaces de, desde a responsabilidade, concertar pontos de vista e ler acaidamente a vontade cidadá expresada o pasado 19 de Xuño".
Quintana mostrouse convencido de que o bipartito vai lograr que Galiza sexa respectada no Estado. "Rematou a época dos gobernos chorimiqueiros, rematou a época da confrontación pola confrontación. Imos defender os nosos intereses con lealdade institucional, mais tamén desde un espírito de colaboración exixente. O fundamental é termos respecto por nós mesmos, para conseguir que se nos respecte desde Madrid. Se deixamos de ollar tanto para Madrid, e se nos temos respecto a nós mesmos, conseguiremos sen dúbida que desde Madrid se comece a ollar para nós", engadiu.
O bipartito vai ser un Goberno que sabe que "temos un país rico, cheo de recursos e de potencialidades". "Imos ser un Goberno que camiñará ao lado da sociedade, que terá intervención pública nas áreas en que sexa preciso e que axudará tamén aos emprendedores a tirar os seus proxectos adiante", acrecentou.
O líder nacionalista rematou o seu discurso cunha invocación á figura histórica de Castelao. "Lembrando ao noso Daniel quero dicervos que ninguén lle poña chatas ao obra denantes de ser comezada. Hai sitio para todos. Este será o goberno da cidadanía e anímovos a todos e a todas a botardes unha man na tarefa", concluíu.
Touriño comprométese o ser un garante do pacto de goberno
Para finalizar o acto, Touriño comezou o seu discurso sinalando que o 19 de xuño "Galicia votou cambio, abrir unha nova etapa na historia da nosa comunidade. A que era unha maioría social, como é normal en democracia, traducíuse nunha maioría política, nunha maioría parlamentaria. O acto que hoxe celebramos aquí representa a firme vontade compartida por ambas formacións políticas de ser fieis ó mandato da cidadanía expresado nas urnas".
"Ambas formacións falaron, dialogaron entre si, atoparon espazos para o encontro e a converxencia de propostas. En definitiva, fixeron un esforzo de recoñecemento mutuo para alumear ese pacto que hoxe comprometemos diante da cidadanía da nosa comunidade. O 19 de xuño Galicia dixo: acordo, sexan capaces de alumear esa esperanza de alternativa, de renovación e de progreso para o país. E cumprimos, e hoxe acabamos de asinar ese gran acordo nacional de progreso, de benestar e de impulso do goberno de Galicia", engadiu.
Para Touriño, o novo goberno "nace xustamente dun esforzo conxunto e histórico por compartir, por sumar, por integrar, por unir. un tempo novo na historia do país como obra compartida e colectiva. Por iso creo que será un tempo novo na historia do noso país".
E tamén será un tempo de historia "porque detrás desta firma existe unha gran forza. Detrás existe o inmenso depósito de responsabilidade e confianza, de 867.000 votos de cidadáns galegos. Atrévome a dicir un inmenso depósito de algo máis: de ilusión, esperanza e enerxía dun país que cre en si mesmo, e que quere avanzar en progreso, en unión e liberdade".
"Adquirimos hoxe, polo tanto, unha extraordinaria responsabilidade, por esa inmensa enerxía deste país, que acaba de dar unha gran proba de madurez e de desexo de alternancia democrática, de facer posible o que ata agora non fora posible nesta terra: o que é a normalización democrática plena, de tal maneira que o cambio democrático fose tamén un valor exercido a partir do voto nas urnas".
"Estou seguro de que aquí", afirmou, "neste Centro Galego de Arte Contemporánea, símbolo de modernidade, de cultura e de liberdade, de apertura ó futuro e á esperanza, preto, como dicía Anxo, de San Domingos de Bonaval, concéntranse e exprésanse os soños, as entregas, a historia de milleiros e milleiros de cidadáns deste país, que ó longo do tempo, desa obra colectiva que é a nosa Galicia, foron quen de ir construíndo unha vocación, unhas ganas e unha enerxía que o 19 de xuño se transformou nesa vontade inequívoca de abrir ese período de renovación e de cambio en Galicia".
As súas últimas palabras foron "para comprometer por enriba de todo a vontade inequívoca que me embarga, a vontade de ser un garante de cumprimento do contrato que hoxe acabamos de asinar. Por enriba de todo, o meu compromiso terá esa dirección e ese obxectivo: garantir a cultura da coalición, a convivencia política, a unidade de acción e que o goberno sexa o goberno que a historia, o país e a cidadanía demandan, o goberno da unión, da convivencia, da pluralidade, da tolerancia e que faga dar un salto histórico a Galicia e ó seu autogoberno, así como ó seu papel en España, no mundo e en Europa".