Vai para un ano que en lembranza dos atentados de 2001 en Nova York nos preguntabamos no escáner de Vieiros se "vivimos nun mundo máis seguro despois do 11S?". Non pasou moito dende a doutrina da guerra preventiva predicada por Bush á petición de poderes especiais para a policía que vén de facer Blair e o intento, que con toda probabilidade semella ir saír adiante, de avanzar no control das comunicacións por teléfono e internet dos cidadáns.
A presunta ameaza terrorista global, recorrente no discurso de líderes coma Bush e Blair, e que de xeito evidente serviu para aplicar solucións militares fronte a iniciativas diplomáticas e para lanzar operacións encamiñadas á busca de hexemonías xeoestratéxicas e económicas, das que Afganistán e Iraq son exemplo evidente, agocha tamén outras motivacións.
O pasado mes de outubro, nun foro xudicial internacional en Francia, os Maxistrados europeos pola democracia e a liberdade amosaban a súa preocupación pola evolución do debate sobre as liberdades na Unión Europea. Os "dereitos fundamentais das persoas e as súas liberdades democráticas" están ameazadas pola "cultura da seguridade importada dos EEUU", advertían. Os expertos aló reunidos avertiron a posibilidade de que esa "obsesión antiterrorista" estivese poñendo en perigo as liberdades básicas dos cidadáns.
Excesos con escusa antiterrorista
Iniciativas estadounidenses co cualificativo de proxecto contra o terrorismo coma é a suspensión de garantías constitucionais para cidadán considerados "combatentes inimigos" tiveron a súa versión en territorio británico con polémicas medidas, cuestionadas nos tribunais, que autorizaban detencións indefinidas e mesmo negándolle acceso a avogados aos detidos por este tipo de acusacións.
A intención do executivo británico de aproveitar a súa presidencia de quenda e o estado de opinión resultante dos ataques en Londres para estender a toda a Unión Europea a esixencia de retención e control dos datos das comunicacións telefónicas e internáuticas é exemplo significativo de cara a onde están camiñando os gobernos. Unha ollada ao que xa está acontecendo nos EEUU pode darnos pista dos próximos pasos no recurte de liberdades. Aló, a Electronic Frontier Foundation vén denunciando os intentos do goberno Bush de controlar computadores e bases de datos. O sutil cambio logo do 11S que o equipo Bush facía co nome do proxecto Coñecemento de Información Total por Terrorism Information Awareness é exemplo de como os atentados que gañan a primeira plana dos medios reforzan a impunidade coa que os gobernos se exceden con estas prácticas.