Mantendo o compromiso de non realizar ataques militares malia o recente anuncio de "alerta máxima", o Exército Zapatista de Liberación Nacional anunciou este xoves que inicia o traballo cara "unha política de alianzas con organizacións e movementos non electorais que se definan, na teoría e na práctica, como de esquerda". A meta: presionar para unha nova Constitución mexicana que "teña en consideración as demandas do pobo".
"O EZLN resistiu 12 anos de guerra, ataques militares, políticos, ideolóxicos e económicos, de cerco e persecución, e non nos venceron nin nos vendemos, nin nos rendemos, avanzamos", afírmase no comunicado asinado polo "Comité Clandestino Revolucionario Indíxena" dos zapatistas, onde se recoñecen as posibilidades de avance "separando máis o político militar do civil democrático".
"É posíbel que perdamos o que temos se quedamos como estamos e non facemos nada para avanzar. Chegou a hora de arriscarse outra vez e dar un paso perigoso pero que paga a pena. Porque tal vez con outros sectores sociais que teñen as mesmas carencias ca nós, será posíbel conseguir o que necesitamos e merecemos". Os zapatistas chaman así a un novo paso adiante que xunte a indíxenas con "obreiros, labregos, estudiantes, mestres, empregados..."
Na chamada "Sexta Declaración da Selva Lacandona", critícase "o neoliberalismo que nos impoñen os malos gobernos, pois non mellorou a economía e, pola contra, deixou o campo moi necesitado e nas cidades non hai traballo". Así, insisten en que "esa política non serve, porque non tén en conta ao pobo, non o escoita, non lle fai caso, só se lle achega cando hai eleccións".
Así, á beira dunha chamada a presionar por unha nova Constitución "que recoñeza os dereitos e liberdades do pobo e defenda o débil diante do poderoso", anuncian o esforzo por estreitar vencello con movementos afíns en todo continente americano e avanzan a convocatoria para finais de ano dunha xuntanza internacional: "O que imos facer en México e no mundo ímolo facer sen armas, cun movemento civil e pacífico". Ao fío contámoslles que o actual goberno mexicano gabou a que cualifican de viraxe cara á acción política dos zapatistas e convidou ao subcomandante Marcos a integrarse na vida política do país.