Uns 100 veciños de Vila de Cruces, acompañados por membros de organizacións que promoven a iniciativa lexislativa popular en defensa dos ríos, paralizaron na tarde do 17 de xuño as obras do encoro de Touro, un dos dous que Unión Fenosa está a construír no río Ulla augas abaixo do encoro de Portodemouros. A protesta, que se desenvolveu sen incidentes, fíxose para demandar a execución da sentenza xudicial que anula as concesións a Unión Fenosa para desenvolver o seu proxecto de aproveitamento hidroeléctrico integral da bacía do Ulla.
As obras deste encoro e do de Brandariz, augas arriba, continuan malia a sentenza do Tribunal do Contencioso de Pontevedra que declarou nula a concesión a Unión Fenosa. O organismo autónomo Augas de Galicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente, non procedeu a facer efectiva esta sentenza paralizando as obras e, o mesmo que Unión Fenosa, recorreu a sentenza.
Os veciños estiveron acompañados por algunhas das entidades que promoven a iniciativa lexislativa popular en defensa dos ríos, como a Federación Ecoloxista Galega (FEG), a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Coordenadora Antiencoros do Ulla, Burla Negra e Erva-Ecoloxistas en Acción.
Para o venres 24 de xuño anunciouse a paralización das obras do encoro de Brandariz. Os veciños dixeron que proseguirán a súa loita "goberne quen goberne".