Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
PRIMEIRAS VALORACIÓNS

Fraga: "Dixéronme que o 70% do voto da emigración é noso"

"Queda claro quen é o primeiro partido de Galiza". Con estas palabras resumía Fraga Iribarne a súa valoración dos resultados electorais que sitúan o PP a un escano da maioría absoluta. Neste sentido, Fraga asegurou que confía en en recuperarlo en Pontevedra xa que hai "unha proporción razoábel e viábel". O candidato popular afirmou que os axentes do PP en Arxentina e Uruguai confirmáronlle que "o 70% dos votos que saíron de alí son nosos".

- 11:41 20/06/2005
Tags:

Fraga comezou a súa intervención asegurando que "somos o partido máis votado con moita diferenza e quedan aínda os votos do CERA". De feito Fraga mostrouse confiado en revalidar a maioría absoluta xa que "temos 37 escanos e ben poderíamos ter 38".

O candidato "popular" asegurou tamén que no caso de non obter eses 38 deputados liderará a opoición no parlamento galego e tratará de esgotar a lexislatura, "como é natural".

Fraga tivo palabras de agracedemento para o pobo galego, os presidentes provinciais e locais do seu partido e "moi especialmente para o noso presidente nacional, Mariano Rajoy, que consolidou a súa posición de gran líder do PP".

Despois de confesar que xa recibira chamadas de Azar e Rodrigo Rato, Fraga criticou "a actitude do goberno central, de Xosé Blanco, (que por certo tivo uns resultados nefastos en Palas de Rei) e dun grupo de emisoras moi coñecido". "Pero aí están os resultados", engadiu.

Tamén tivo palabras de crítica contra o BNG que cualificou "un partido que se move nos bordes da Constitución, por non dicir fóra".


0/5 (0 votos)