Durante todo o día de hoxe ducias de extras, os actores principais, a equipa técnica e o director Antón Reixa levan a cabo polas rúas de Bilbao a rodaxe de Hotel Tívoli, película na que se falan ate 7 idiomas.
A historia vai ligando episodios co nexo de unión entre elas dun chisqueiro que vai pasando de man en man.
Reixa únese así aos cineastas que veñen facendo de Bilbao e o seu rechamante Guggenheim o seu cenario, como foi o caso hai algúns anos tamén de The World Is Not Enough, da serie de James Bond.
Na rodaxe (que se ha realizar tamén en Galicia, Portugal, Groenlandia, Copenhague, Bos Aires e Madrid, como homenaxe á nosa emigración) ademais dos protagonistas Luis Tosar, Mabel Rivera, Jose Angel Egido, Nancho Novo, Cristina Piaget e Marta Larrarde tamén participa o cantante vasco, ex-membro de Duncan Dhu, Mikel Erentxun.
Aínda que hoxe o día era radiante en Bilbao e facía preto dos 30 graos, os extras tiveron que levar chaqueta todo o tempo (por esixencias do guión) e aturar baixo o sol reflectido no titanio do Guggenheim repetición tras repetición das tomas, debido ás interrupcións dos viandantes lóxicas nunha zona tan concurrida como é a chaira diante da entrada principal ao museu.