Os 25 estados da Unión que rexeitaron a proposta do goberno español para que o galego, o catalán e o vasco se convertesen en linguas oficiais da Unión, dixéronlle en troques si ao goberno irlandés respecto das súas pretensións. Así pois, a Unión Europea terá 21 idiomas oficiais a partir de xaneiro de 2007, e non 20. E tampouco 24.
Os 25 dixéronlle onte Failte (benvido) ao gaélico de Irlanda, que levaba meses reclamando unha mellora do seu estatus e converterse en lingua de pleno dereito na Unión. Ata o de agora, o gaélico irlandés estaba presente nalgúns documentos, beneficiábase da tradución da lexislación primaria, e participaba no programa Lingua. É dicir, gozaba duns privilexios superiores en liñas xerais aos que a partir de agora terán galego, catalán e vasco.
Coa aprobación desta medida, a partir do 1 de xaneiro de 2007 o gaélico irlandés será unha lingua oficial europea cos mesmos dereitos có polaco, o francés, o dinamarqués ou o portugués. Irlanda non é porén o primeiro estado europeo que ten dúas linguas propias recoñecidas como oficiais na Unión. Así, a UE xa observaba como oficiais o alemán, o francés e o nerlandés (falados en Bélxica nas súas versións patrimoniais), mais tamén o finlandés e o sueco (falados en Finlandia).
As cifras son complexas. A contratación de tradutores e intérpretes de gaélico suporá case 3.5 millóns de euros anuais, que sumados ao custo actual de tradución e interpretación das vinte linguas que ata onte eran oficiais na Unión superan os mil millóns de euros ao ano. Día a día medran as voces que insisten nunha remodelación do sistema lingüístico nas institucións europeas. O 40% dos case catro millóns de irlandeses di entender o gaélico, se ben só 70.000 irlandeses o falarían habitualmente (censo de 1996).