Os veciños e veciñas dos concellos de Touro e Vila de Cruces afectados polos novos proxectos de encoros no rio Ulla viran a Santiago a entregar as alegacións contra estes proxectos. Será este martes dia 14 ás once da mañá diante da Conselleria de Medio Ambiente.
A publicación da solicitude de cinco novos proxectos de aproveitamento hidroeléctrico no Ulla provocou un forte rexeitamento en todos os veciños das parroquias ribeireñas e especialmente nas afectadas. A práctica totalidade dos veciños posicionaronse en contra e asinaron alegacións, amáis de manifestar a sua indignación polo que consideran un grave perxuicio para o rio e unha ameaza para o seu medio de vida.
Dende que se coñeceron estes proxectos iniciouse un proceso de movilizacións con reunións en todas as parroquias, recollida de sinaturas, concentración e entrega dun escrito ao Presidente da Xunta na visita que fixo ao concello de Vila de Cruces, a finais do pasado mes de maio. Ademáis de instar ao alcalde deste concello para que convocara un pleno extraordinario para que toda a corporación se posicionara en contra, -o que se fixo o mércores 8-.
A culminación destas movilizacións será a entrega das alegacións en Santiago, acompañados dos tres grupos políticos da corporación, para o que fletaron autobuses que lles facilite o desplazamento.
O malestar é máis que evidente porque chove sobre mollado. No Ulla xa están concedidos outros sete aproveitamentos (dous deles de grandes dimensións nos mesmos concellos) e hai tamén outro proxecto nun afluente deste rio (o Brandelos) no concello de Touro e outras oito solicitudes no Deza no concello de Vila de Cruces. Os veciños pregúntanse que vai pasar con eles no medio de tanto encoro, de tanta liña de alta tensión, de tanto camiño de acceso. Temen que non poidan seguir vivindo das suas terras e de que a sua calidade de vida vaia en descenso. E tamén se preguntan se de novo van ter que volver a emigrar. Non encontran explicación razoable a semellante despropósito, e por eso intentaran que unha vez entregadas as alegacións sexan recibidos polo Conselleiro de Medio Ambiente para manifestarlle o seu malestar e exporlle os seus argumentos contra estes proxectos.