"Sempre e máis despois", o primeiro disco de Fuxan os Ventos tras quince anos de silencio, sairá ó mercado a mediados de abril con trece temas tradicionais que suporán sen dúbida algunha un dos grandes fitos discográficos do ano 1999.
O mítico grupo lugués popularizou cancións coma A Carolina, A Sementeira, O Carro e tantas outras recollidas en seis discos publicados entre 1976 e 1984. Dende aquela non volveron grabar, aínda que se mantiveron as actuacións deica 1989. Dende entón só algunha actuación espallada en festivais benéficos xuntou ós compoñentes nun escenario.
Pero esa circunstancia non impedíu que os membros de Fuxan os Ventos mantiveran o contacto entre si, malia non ser un grupo precisamente pequeno: dez eran os integrantes de Fuxan en 1984 e todos eles xuntáronse para facer "Sempre e máis despois".
O título do disco está inspirado nun verso de Manuel Antonio e con el Fuxan os Ventos avisa que non hai moito lugar para a morriña. Tódalas cancións inxeridas no álbume son novas no repertorio do grupo. Trátase dun traballo feito con renovadas ilusións, sen mirar cara atrás e tentando manter, eso si, aquela frescura na que xurdíu a canción galega tradicional e na que agromou un dos mellores conxuntos vocalistas de Galicia.
Para cando estea na rúa "Sempre e máis despois", os interesados na canción galega e máis concretamente no grupo lugués poderán visita-lo web de Fuxan os Ventos, actualmente en preparación, e no que se inxerirán as letras de tódalas cancións, a historia do grupo, partituras e outros contidos dos que no seu momento informará Vieiros - Lugo.