Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR EN DEFENSA DOS NOSOS RÍOS

Constrúen e derruban un "encoro" na Praza do Obradoiro

No domingo 5 de xuño, Día Mundial do Ambiente, tivo lugar unha chamativa acción en defensa dos ríos galegos enmarcada na campaña de apoio á iniciativa lexislativa popular pola protección, a mellora e a conservación dos ríos galegos. Unhas 100 persoas pertencentes a organizacións que apoian a iniciativa representaron a construción, inauguración e demolición dun "encoro" na compostelá Praza do Obradoiro.

- 15:42 06/06/2005
Tags:

Un "río de xente" vestida con plástico azul e portando figuras de animais que viven nos ríos percorreu a praza compostelá até ser detido por un "encoro" construído con caixas de cartón. O "encoro" foi inaugurado cun discurso do presidente Fraga, quen marchou do lugar no coche oficial no medio das protestas de defensores dos ríos que berraban "Encoros non, ríos vivos!". Finalmente, os defensores dos ríos retiraron o encoro para que o río recuperase a súa dinámica natural.

Ao remate da representación teatral, Xavier, un neno que representou aos asinantes da iniciativa menores de 18 anos, e mais os escritores Marilar Aleixandre e Xesús Pereiras, leron textos a prol dos ríos. Pechou o acto, en nome da comisión promotora da iniciativa lexislativa popular, Daniel López Vispo, que pediu que a defensa dos ríos estivese tamén presente na campaña electoral.

A acción foi organizada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e mais polo obradoiro de educación ambiental Oureol da Universidade de Santiago, dúas das organizacións que impulsan a campaña a prol da iniciativa lexislativa en defensa dos ríos galegos.


O próximo Parlamento debaterá a iniciativa

A campaña de apoio á iniciativa lexislativa popular en defensa dos ríos está a mobilizar desde marzo á sociedade galega na defensa do patrimonio natural da nosa densa rede fluvial. A iniciativa está impulsada por un conxunto de diversas organizacións e persoalidades do mundo científico e artístico. Xa se superou amplamente o mínimo de 15.000 sinaturas de electores galegos necesarias para que se debata no pleno do Parlamento autonómico, o que acontecerá na próxima lexislatura.

A iniciativa lexislativa popular adáptase á Directiva Marco da Auga, xa en vigor mais que a Consellería de Medio Ambiente segue a ignorar. Esta Directiva ordena previr calquera nova deterioración dos ecosistemas acuáticos até atinxir como mínimo o "bo estado" de todas as augas. O Plano Hidrolóxico de Galiza-Costa, que prevé a construción de 24 encoros máis (entre eles o do Umia, xa construído), e o Plano Sectorial Hidroeléctrico de Galiza-Costa, que favorece a construción de presas hidroeléctricas nos mellores ríos, ambos promovidos pola Consellería de Medio Ambiente a través de Augas de Galicia, son claramente incompatíbeis coa Directiva Marco da Auga.


Ligazóns

0/5 (0 votos)