Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O APOIO Á INVASIÓN PASA A PRIMEIRO PLANO DA PRECAMPAÑA INGLESA

Human Rights Watch quere un fiscal especial que investigue as torturas en Iraq

Segundo denuncia o colectivo en defensa dos dereitos humanos, a presunta vontade dos altos mandos do exército estadounidense de ignorar as normas do dereito internacional e mirar para outro lado mentres os soldados torturaban os prisioneiros iraquís é motivo abondo grave para o nomeamento dun fiscal especial que investigue, especialmente, o papel do secretario de Defensa, Donald Rumsfeld, e do ex director da CIA, George Tenet. Por outro lado, contámoslles que ao tempo que as sondaxes electorais no Reino Unido confirmaban unha vantaxe de entre catro e seis puntos para o partido laborista, vén de coñecerse o ocultamento que o goberno Blair fixo dun informe que cuestionaba a legalidade do ataque a Iraq.

- 10:07 25/04/2005
Tags:

"Os soldados que están na fin da cadea están asumindo as responsabilidades polas torturas en Abú Ghraib, mentres os que están na cima, os verdadeiros responsábeis das políticas que promoveron esas actuacións, permanecen libres", denunciou Reed Brody, un dos voceiros sobre este asunto do colectivo Human Rights Watch.

Un ano despois de que saísen á luz as torturas acontecidas nese cárcere iraquí, a asociación lembra as probas que se veñen coñecendo nos últimos meses e que confirman que a práctica de torturas por parte do exército estadounidense tiveron lugar noutras prisións en Iraq, Afganistán, Guantánamo e en "localizacións secretas" que o goberno USA ten arredor do mundo, "en violación das convencións de Xenebra e das leis internacionais contra a tortura". O colectivo subliña que "este patrón de abusos ao longo de varios países non é resultado da actuación individual de soldados que rachan as regras, senón de decisións tomadas polos oficiais superiores que facilitan que se ignore ou que directamente se violen as normativas".

Human Rights Watch lembra a implicación do actual fiscal xeral, Alberto Gonzales, na elaboración das políticas que deron lugar a eses crimes, polo que opina que crearía un conflito de intereses que fose el quen procese as denuncias. Por iso, piden que se nomee un fiscal especial que investigue a implicación, entre outros, do secretario de Defensa, Donald Rumsfeld, do ex director da CIA, George Tenet, ou do ex director da base de Guantánamo, Geoffrey Miller.


Ligazóns

0/5 (0 votos)