Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
ÉXITO PARA OS INDÍXENAS

Lula asina o decreto que crea unha rexión autónoma para indios

O presidente brasileiro Lula da Silva asinou un decreto polo que se crea o primeiro territorio para indíxenas na Amazonía. Na Raposa - Serra do Sol viven 12.000 persoas, sobre unha extensión de 17.000 quilómetros cadrados (os 3/4 de Galiza). A medida chega logo dunha trintena de anos de desputas dos indíxenas con granxeiros, madeireiros e garimpeiros.

- 15:38 16/04/2005
Tags:

En decembro de 2002 unha sentenza xudicial dáballe a razón ás tribos macuxí, wapixana, ingaricá e taurepán sobre os seus dereitos como propietarios dunhas terras onde levaban séculos vivindo. Catro anos antes o ministro de Xustiza do goberno Cardoso recoñecera e limitara a zona da Raposa-Serra do Sol (Roraima) para a súa protección. Pero faltaba a sinatura do presidente da república. A reivindicación dos grupos indíxenas e as presións económicas dos colonos que acudían á rexión á procura de terras "gratuítas", ouro e madeira provocou polo menos unha ducia de mortos, conforme as cifras que manexan os grupos de dereitos humanos.

As terras da Raposa - Serra do Sol, no estado septentrional de Roraima, son practicamente todas de sabana, agás unha parte que está botada a arroz e pastos. É precisamente desa zona dende onde deberán marchar ducias de familias arroceiras de granxeiros que están aló instaladas, conforme sinalou o ministro de xustiza brasileiro Thomas Bastos. Só as estradas, unha base militar fronteiriza e un pequeno lugar habitado quedan fóra da demarcación da reserva. Os arroceiros xa anunciaron que só os sacarían pola forza.

O decreto de creación desta área protexida leva enriba da mesa de Lula dende o comezo do seu goberno e a el opóñense tanto os políticos locais coma os principais axentes económicos da rexión. O gobernador do estado de Roraima, Ottomar Pinto, do Partido Trabalhista, xa anunciou que recorrería a decisión. Os movementos indíxenas tiñan convocadas unhas xornadas de mobilización para as vindeiras semanas, entre elas unha proposta de envío de bolígrafos ao presidente Lula para que asinase o decreto de homologación.


0/5 (0 votos)