O debate sobre a eutanasia segue vivo na sociedade e nos medios. A principios de ano, foi a confesión pública de Ramona Maneiro quen o avivou. Agora, as denuncias verquidas contra o hospital Severo Ochoa, que están a contribuir á criminalización pública da morte digna e á confusión de termos e conceptos. Dende Galicia, consultamos con expert@s de distintos ámbitos relacionados coa eutanasia, dende o legal e médico ao relixioso e asociativo, para poder ofrecer unha reflexión pausada e alonxada de sensacionalismos e estridencias mediáticas. Unha reportaxe de Alberto Lema
O muro dos prexuízos e das falsas opinións é mais espeso do que se pensaba e hoxe en día o concepto de eutanasia, ignorado por uns, manipulado por outros e mal interpretado por case todos, vese desvirtuado nun tema tabú, escuro e incómodo do cal se rexeita falar na maioría dos ámbitos sociais.
Unha terminoloxía confusa
Non cómpre agora entrar a debater as diferentes interpretacións que por mor dos distintos intereses se fan deste termo. Por evitar disquisicións estériles e por hixiene intelectual convén adoptar o seu primixenio significado, aquel que devén da súa etimoloxía, o da "boa morte" e así entenderémola como aquel acto polo cal alguén decide finalizar a súa propia existencia ou ben axuda a morrer a outro que o pide explicitamente.
Deixaremos pois de lado todas aquelas variantes (voluntaria, involuntaria, activa, pasiva, ortotanasia, distanasia, etc) que o único que fan e crear unha certa distorsión do significado real desta opción voluntaria e persoal. A voluntariedade eríxese pois nunha das premisas básicas do libre exercicio desta práctica, do mesmo xeito é preciso entender, so pena de incorrer nun acto discriminatorio, que aqueles que por diferentes circunstancias estean incapacitados para exercer a súa vontade por si mesmos e de xeito persoal necesitan indefectiblemente da axuda dun terceiro.
A consecución deste obxectivo, o de acadar unha boa morte, nun principio desexable por todos e que deriva do ideal social de perseguir e tender sempre a unha mellora da calidade de vida, e por lóxica enténdese que tamén a unha mellor "calidade de morte", vese obstaculizada pola interpretación que dos principios de liberdade, moral e dignidade teñen os diferentes grupos de opinión.
Igrexa: inmobilismo e belixerancia
Pouco ou nada variou a postura da Igrexa na última década. No seu discurso segue a primar a suposta santidade da vida e a súa titularidade, sobre calquera outra consideración de índole ética ou moral. Así o demostra a última campaña organizada en contra da eutanasia lanzada en novembro do pasado ano que, cun custo de 84.141 euros, a impresión de sete millóns de folletos e baixo o lema "Toda unha vida por ser vivida", expón e resalta razoamentos tales como "a vida é digna porque ten a súa orixe e destino en Deus".
No entanto para o teólogo Andrés Torres Queiruga non procede introducir a Deus cando se fala de eutanasia, porque tratándose dun problema puramente ético a resposta estaría nun comportamento moral, isto é, facer o que é bo para o ser humano. Da mesma opinión é o tamén teólogo Chao Rego, quen considera que "o problema da eutanasia teno que solucionar a moral crítica, a ética civil". Formularíase entón a dificultade de distinguir e precisar o que resulta bo para o ser humano e para a sociedade, respostas que soamente se poden atopar dende o íntimo exercicio da liberdade persoal e para as que non valen interesadas interpretacións eclesiásticas.
O cinismo eclesial
Malia o dito, a argumentación católica institucional establécese como a máis belixerante cando se pretende falar da eutanasia, isto non é óbice para que a Conferencia Episcopal nun dos seus textos ("A Igrexa ante a eutanasia") recoñeza que "é lícito subministrar narcóticos e analxésicos que alivien a dor aínda que atenúen a consciencia e provoquen de modo secundario un acurtamento da vida do paciente". Acéptase por tanto un xeito de eutanasia, aínda que non se lle queira chamar así, sempre e cando o fin último sexa o alivio da dor e non o acurtamento da vida.
A actuación ante a eutanasia para a Igrexa tórnase entón e nalgúns casos, nunha cuestión simplemente de intención que definida e nomeada como a "teoría do dobre efecto" non deixa de comportar cando menos unha certa dose de cinismo. Aínda que non falta nunca na estratexia retórica da Igrexa as referencias ós argumentos euxenéxicos e á visión da dor como elemento purificador da vida, o certo é que proposicións deste tipo xa non gozan de credibilidade entre a meirande parte dos crentes, en verbas de Torres Queiruga "xa non hai ningún teólogo que diga que o sufrimento dignifica".
A tenor disto compre aclarar con total rotundidade que toda referencia feita, e non importa o ámbito do que parta, en torno á posibilidade da dexeneración ou perversión da eutanasia en prácticas euxenéxicas non deixa de ser máis que unha intoxicación deliberada para manipular o ánimo da opinión pública,e non só porque na práctica eutanásica deba mediar sempre unha petición explícita de quen a demanda senón tamén porque a súa regulamentación levaría implícita as garantías para que tal desnaturalización non se producira.
Cando se reflexiona acerca do inmobilismo no que en determinadas cuestións morais se ancora a Igrexa, chégase á conclusión de que detrás do autoritarismo Papal e da falta de práctica democrática agóchase en realidade a renitencia da xerarquía eclesiástica á perda do poder adquirido sobre os seus fregueses. Esta e non outra parece ser a realidade que da sentido a súa constante negación ó dereito do ser humano a pensar e actuar en completa liberdade e de acordo cos seus propios principios morais.
O paternalismo médico
O principio de paternalismo co que se viñan establecendo dende sempre as relacións médico paciente, o rexeitamento á progresiva implantación do principio de autonomía do enfermo (a capacidade dun mesmo para decidir sobre o tratamento a seguir unha vez informado da enfermidade que padece), o xuramento hipocrático ou o que é o mesmo a visión que da función da súa profesión ten a meirande parte do colectivo médico, semellan ser os principais motivos que levaron ó Consello Xeral de Colexios Médicos a pronunciarse en contra da regulamentación da eutanasia.
O emprego dos coidados paliativos como alternativa á medida última da eutanasia é o argumento do que máis profusamente fai uso o colectivo médico, porén, cando son preguntados, os profesionais recoñecen que os coidados paliativos non resolven todas as situacións. Do mesmo xeito manifestan non estar de acordo coa afirmación de que a legalización da eutanasia levaría a un menor desenvolvemento desas prácticas. Non son poucos os profesionais da medicina que verían desexable unha regulación que como principal beneficio para o colectivo ocasionaría a eximencia de responsabilidades nos actos de eutanasia que de cotío se producen nos hospitais.
A eutanasia nos hospitais
Nunha enquisa do ano 2000 realizada pola OCU entre 2.500 persoas entre as que se atopaba persoal médico e familiares de enfermos falecidos, amosábase unha realidade preocupante. Por unha banda o 65% dos médicos e o 85% das enfermeiras recoñecían ter recibido peticións de pacientes para adiantar a súa morte, xa fora suspendendo, ou non iniciando, un tratamento inútil ou ben mediante a eutanasia. Pola outra o 21 por cento dos médicos da enquisa recoñecía que nos hospitais se practicaba a eutanasia.
Para María José, afectada por unha enfermidade dexenerativa e firmemente defensora da eutanasia, o silenciamento destes casos ten unha motivación clara: "é un posicionamento hipócrita. Sei de casos pero non se poden comentar. Todo o mundo sabe que nos hospitais se practica a eutanasia pasiva pero non se pode demostrar porque no fondo todos queremos que a agonía dun ser querido remate canto antes e cando se produce a morte non preguntamos. A min particularmente negáronme a rehabilitación porque segundo as súas verbas non son recuperable pero seguro que ese mesmo médico poría o grito no ceo si eu lle suxiro que quero o suicidio asistido."
Os escasos estudios e enquisas realizados deixan entrever unha actitude por parte dos profesionais da medicina moito máis próxima a práctica da eutanasia do que se pensa habitualmente. Esta maior sensibilidade cara ó sufrimento do paciente e a comprensión da esixencia do seu acurtamento dáse como é lóxico canto máis achegado estea o profesional ó trato directo con enfermos terminais. Se ben non hai un posicionamento claro á hora de dilucidar se o acto de acurtar a vida dun paciente está ou non de acorde coa función médica non queda a menor dúbida cando entramos a falar das consecuencias, a inmensa maioría do colectivo coincide en recoñecer os problemas profesionais e legais que unha decisión deste tipo lles comportaría. Máis incomprensible se fai entón o empeño por parte da organización médica colexial por entorpecer o debate social e político acerca da regulamentación da eutanasia, máxime se temos en conta que polo seu réxime interno a opinión do Colexio non representa a opinión da maioría dos médicos.
O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (marzo 2005, nº94)