Aínda que semella haber consenso para que o curdo Talabani sexa o novo presidente iraquí e o xií Iafari acceda ao cargo de primeiro ministro, ao tempo que se lle deixarí a significativa área de Defensa a un dos líderes sunís, os 275 deputados da nova Asemblea do país non foron capaces de pechar acordo nos pasos previos a este nomeamento. O gran problema é o estratéxico ministerio do Petróleo, que tanto xiís coma curdos rifan por controlar. De xeito paralelo, a cuestión da autonomía curda ten tamén coma unha das súas reivindicacións principais a esixencia da incorporación á zona baixo a súa administración da cidade de Kirkuk, centro dunha importante área petroleira.