Un equipo internacional de paleoantropólogos atopou un conxunto de ósos, que suxire a práctica do canibalismo polo neandertais. Os ósos teñen evidentes sinais de carnicería e aparecen asociados a ósos de cervo coas mesmas marcas. O achádeo realizouse nunha cova de Moula-Guery, na rexión de Ardèche, en Francia. Contra a hipótese do canibalismo, algúns críticos din que os restos óseos e as marcas poden ter outras orixes, poden ter sido rillados por carnívoros ou limpados para un ritual funerario. Os investigadores publicaron a súas conclusións no número de Science do 1 de outubro.
Un grupo de ósos de Homo sapiens neanderthalensis foi atopado nunha cova de
Moula-Guery, na rexión francesa do Ardèche, con marcas de ter sido esmagados con
martelos de pedra e atravesados cun punzón. A datación dos restos dá unha idade
comprendida entre os 100000 e os 120000 anos, e segundo o equipo de paleoantropólogos
franceses e estadounidenses son a proba máis clara da práctica do canibalismo entre os
neandertais. Engaden que non poden compararse ó achádeo de Krapina, Croacia, e a
hipótese do canibalismo formulada en 1892.
Os ósos están crebados cun martelo de pedra e con sinais claros de teren sido tratados,
cun punzón, para tirarlles os miolos e mailo cerebro. Para estes investigadores a
abundancia de recursos naturais da rexión, no tempo no que viviron os neandertais no fai
máis que abundar na feito da práctica do canibalismo. Se foi unha excepción, como
alimento de supervivencia, ou un comportamento social habitual aínda non está claro. Os
paleoantropólogos non atoparon ningunha evidencia de rituais funerarios. Xunto ós ósos
humanos si atroparon outros restos óseos de cervos, con cortes semellantes, que suxiren
que recibiron un mesmo tratamento.
Os 78 ósos humanos atopados pertencen a seis individuos, dous adultos, dous de quince ou
dezaseis anos e outros dous de seis ou sete anos. Tódolos ósos das extremidades e do
cranio foron escachados. Só quedaron intactos ós osos das mans e dos pés. Algúns ósos
presentan sinais de cortes, por exemplo dos tendóns dos flexores das dedas dos pés, do
tendón de Aquiles e do tendón do músculo bíceps. Nos individuos máis novos apareceron
cortes na zona do músculo temporal (empregado para pecha-los maxilares). Outros cortes
mostran que quitaron os músculos da coxa e hai un caso de extracción da lingua.
Os tipos de cortes e as fracturas dos ósos dos cervos, asociados ós restos humanos
suxiren que os animais morreron da mesma maneira e recibiron o mesmo tratamento, cun mesmo
obxectivo; servir de alimento.